Críticas a En Marea por votar no Senado en contra dunha moción sobre o Ave

BNG, PSdeG e PPdeG lamentan a postura do partido instrumental, que sostén que a iniciativa era sobre un modelo "global" de infraestruturas que non comparte
Un tren de alta velocidad a su llegada a Pontevedra
photo_camera Un tren de alta velocidad a su llegada a Pontevedra

BNG, PSdeG e PPdeG coincidiron este xoves ao criticar que En Marea votase en contra dunha moción presentada polo socialista galego Modesto Pouse no Senado que incluía garantir a chegada do Ave a Galicia en 2019.

En primeiro lugar, Ana Pontón, do BNG, criticou que, con este tipo de posicionamentos, "ao final vese como "para as forzas estatais" Galicia "non conta". "O noso país parece que sempre ten que estar no tren de cola", censurou a líder do Bloque, que considerou necesaria "unha voz forte que defenda os nosos intereses". Ademais, aproveitou para asegurar que "o máis grave" é que, ante os "incumprimentos" do Goberno estatal con Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "no único que pensa é en non caer antipático en Madrid".

Tras iso, o deputado socialista Abel Losada cualificou a postura de En Marea de "profundamente negativa e preocupante". "No tema un de calquera manual de economía sábese que as dotacións de capital físico e as infraestruturas son mecanismos de crecemento económico", sinalou. 

Neste sentido, asegurou que as autoestradas e os trens de alta velocidade "sitúan aos territorios no mapa económico" polo que censurou que "un partido que se di representante de Galicia" vote "en contra diso". "Supoño que terá unha explicación pero me parece moi grave e preocupante", sinalou.

CRÍTICAS DO PP. Pola súa banda, a parlamentaria popular Paula Prado considerou que a postura de En Marea "vai na súa liña" de "estar en contra de todas as propostas que supoñan un avance para Galicia". "O Ave para Galicia é fundamental", manifestou a dirixente popular, que asegurou que o posicionamento do partido instrumental "demostra o seu verdadeiro sentir".

E é que, segundo indicou, a iniciativa dos socialistas tamén incluía outras infraestruturas importantes para Galicia como "solucionar o problema das néboas da A-8" ou "o desenvolvemento das intermodais". "Resulta tamén sorprendente que os alcaldes que teñen estacións intermodais por desenvolver non digan nada", manifestou.

ACLARACIÓN DE EN MAREA. Respecto diso, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, rexeitou que o partido instrumental estea en contra desta infraestrutura. Así, deixou claro que "En Marea considera que ten que terminarse o Ave en prazos e en condicións" e "sen ningún tipo de rebaixa das que quere realizar o Ministerio de Fomento co silencio cómplice da Xunta".

Tras iso, puntualizou que "a moción do PSdeG non era unha moción sobre o Ave senón sobre a política de infraestruturas global de Galicia". "Non é certo que sexa unha posición con respecto á Ave, era unha posición global sobre o modelo de infraestruturas e, evidentemente, nós discrepamos co modelo de infraestruturas", resolveu.

Comentarios