CxG avoga por candidatura propia ás autonómicas

Así o decidiron o 71% dos seus afiliados, fronte a un 29% que se manifestou favorable a concorrer dentro do movemento En Marea

Un 71 % de militantes afiliados á formación Compromiso por Galicia (CxG) votou este domingo a favor de presentar unha candidatura propia nas próximas eleccións autonómicas, fronte a 29 % que apoiou unha proposta de sumarse ao movemento En Marea.

Nun comunicado CxG indica que a decisión foi tomada durante a reunión da convención nacional desa formación, celebrada nun hotel do municipio coruñés de Teo, contiguo ao de Santiago de Compostela.

O secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas, subliñou a "calidade dos debates" e dos "argumentos", así como o "alto grao de participación da militancia" nesa consulta, segundo a nota facilitada tras a reunión.

CxG ten previsto convocar en maio unha reunión do consello político nacional e examinar un regulamento para a celebración de eleccións primarias nesa formación co fin de elixir o seu candidato á presidencia da Xunta.

Nas eleccións municipais de maio pasado CxG conseguiu 41 concelleiros tras captar preto de 17.600 votos, uns tres mil máis que nos comicios autonómicos de 2012 nos que só obtivo 1,01 dos sufraxios e non logrou ningún escano.

O 'número dous' de CXG, Xose Manuel Pérez Bouza, advertiu de que unha "candidatura de confluencia" co movemento En Marea permitiría a esa formación que o seu "capital político sexa útil a Galicia e aos cidadáns".

"Non coñecemos ningunha forza política que sobreviva a varios fracasos electorais continuos", apuntou Pérez Bouza en alusión á falta de representación de CxG nos pasados comicios autonómicos e aos deficientes resultados noutras eleccións.

Comentarios