CXT denuncia o despedimento dunha carteira en Santiago ao anunciar o seu embarazo

O sindicato apunta que a empresa UniPost notificou a rescisión de contrato á traballadora na súa seguinte xornada laboral

O sindicato CXT denuncia o despedimento dunha traballadora da sede compostelá da empresa Unipost ao día seguinte de que esta anunciase que se atopaba embarazada.

Expón que o pasado 26 de maio a traballadora A.M.P.G., que se atopaba empregada baixo un contrato temporal de seis meses que remataba setembro, notificou á empresa de mensaxería que se atopaba na décima semana de xestación. Logo diso, á volta do fin de semana, na súa seguinte xornada laboral, a compañía notificoulle o seu despedimento.

O sindicato denuncia que a empresa "atenta contra vos dereitos fundamentais dos traballadores discriminando a unha muller polo simple feito de estar embarazada en pleno século XXI", así como unha serie de "atrasos" á hora de pagar as nóminas do persoal.


Comentarios