Dá positivo unha menor nun campamento de verán en Galicia

A organización destas actividades, programadas en Teo, activou un protocolo con 20 PCR realizadas
Un niño con mascarilla. EFE
photo_camera Un neno con máscara. EFE

Un positivo por Covid-19 detectado nunha nena –de orixe familiar– levou a activar un protocolo de prevención no marco do que se realizaron 17 PCR a menores e tres a monitores dun campamento dos Tilos, en Teo (A Coruña) no que participaba a contaxiada. 

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o membro do equipo directivo da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos, Manuel Buján, que organiza o Campamento de Verán ao que asistía a nena que deu positivo. "Faltan tres nenos por saber e todos os demais deron negativo", destacou. 

Por parte da organización que promove este campamento urbano con 300 inscritos este verán –desde xullo– apuntaron que unha vez que se tivo coñecemento do positivo dunha nena "illouse ao grupo no que estaba" e a outro co que fixeran algunha actividade a semana pasada. 

Mentres, o resto de grupos continúan coas actividades. De feito, Manuel Buján valorou a asistencia do resto de participantes. "A xente ve que fas as cousas ben", afirmou en relación ao protocolo de seguridade establecido e o levado a cabo tras ter coñecemento do caso positivo. 

Por iso, destacaron que se trata dun "caso illado" e mostráronse "tranquilos", porque este verán contaron cuns 300 asistentes ao campamento, que vai pola "súa vinte edición". "Baixou (a asistencia) un pouquiño", admitiu para recordar que outros anos chegaban a uns 500 nenos.

"ESTRITOS" 

A asociación difundiu un comunicado no que explica que na tarde do domingo tiveron coñecemento dun caso positivo por Covid-19 que afecta a un dos grupos do campamento e, o protocolo, "por prevención estendeuse ao outro grupo que realizara algunha actividade conxunta, aínda que sempre se tomaron todas as medidas de seguridade que establece o ámbito do lecer e tempo libre". 

A entidade defendeu que foron "estritos" coas medidas de seguridade "para realizar as actividades de campamento". Ademais, agradeceu a "responsabilidade e solidariedade de todas as familias do Campamento de Verán 2020" e todo o equipo para "actuar e previr con moita brevidade". 

Comentarios