Comisan nun control en Teo 785 quilos de vieira extraída de forma ilegal

Se o molusco supera os límites permitidos de toxicidade, o xulgado abrirá expediente á persoa identificada por un delito contra a saúde pública

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e da Garda Civil de Tráfico comisaron na madrugada deste martes un total de 785 quilos de vieira extraída de forma ilegal nun control realizado nunha área de servizo da AP-9 en Teo.

Na operación, os axentes da Garda Civil pararon unha furgoneta e, tras inspeccionala e identificar o condutor, comprobaron que a mercancía que transportaba carecía de documentación que acreditase a correcta extracción deste molusco. Inmediatamente foron requiridos os servizos dos axentes de Gardacostas, que levantaron acta, comisaron a mercancía e incautáronse do vehículo.

Así mesmo, enviaron mostras de vieira ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, que realizará análises para comprobar o seu nivel de toxicidade. No caso de que supere os límites permitidos, o xulgado abrirá expediente á persoa identificada por un delito contra a saúde pública.

Comentarios