Deixa a dirección de Adif o alto cargo imputado polo accidente de Angrois

As vítimas do Alvia sinalan a Blanco e Pastor tras a dimisión de Cortabitarte: "Deben seguir os seus pasos e pedir perdón"
Andrés Cortabitarte. AEP
photo_camera Andrés Cortabitarte. AEP

O exdirector de seguridade na circulación de Adif Andrés Cortabitarte, que vai ser xulgado por 80 supostos delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave na liña na que se produciu o accidente do tren Alvia en Angrois, deixou o seu posto de libre designación como alto cargo na empresa pública. 

Cortabitarte presentou a súa renuncia este luns á subdirección na que estaba desde 2017, a de Xestión Loxística de Aprovisionamentos, e Adif aceptouna, segundo confirman fontes do ente público. 

A plataforma de vítimas do accidente levaba anos reclamando o cesamento deste alto cargo do seu posto de libre designación, e é que o sinistro no que morreron 80 persoas e pola que serán xulgados tanto Cortabitarte como o maquinista ocorreu en xullo de 2013.

As vítimas do Alvia cren que a saída de Cortabitarte marca o camiño que han de seguir os exresponsables de Fomento durante a construción, posta en servizo e momento no que descarrilou o tren na curva da Grandeira. 

"Ana Pastor e José Blanco teñen que seguir os pasos do exdirector de Seguridade Adif: pedir perdón, asumir a súa responsabilidade e deixar calquera cargo público", sentencia a plataforma nun comunicado remitido aos medios este xoves tras coñecerse a dimisión de Cortabitarte, para quen Fiscalía solicita 4 anos de cárcere e cuxa saída da dirección de Adif era reclamada desde hai anos polo propio colectivo de vítimas. 

Pola súa banda, o ministro de Transportes, José Luís Ábalos, afirmou que a saída chega "procedentemente", cando a instrución xa se pechou de forma definitiva e o fiscal pide para el catro anos de cárcere. 

"Chegou, digamos, procedentemente, tamén en función das cualificacións do propio proceso", argumentou, a preguntas dos xornalistas sobre se non cre demasiado tarde o cesamento de Andrés Cortabitarte do seu posto de libre designación, cando a plataforma de vítimas leva anos solicitándoo, desde a súa imputación por parte do xuíz que investigaba a causa. 

Neste sentido, o ministro xustificou "non ir por diante da xustiza" para explicar que a marcha de Cortabitarte do seu posto de libre designación se produza agora, e engadiu que, de feito, aínda non hai pronunciamiento final sobre este caso, que está previsto que se xulgue a partir do primeiro trimestre de 2022. 

Comentarios