Denuncian que un paciente leva case 400 días esperando para operarse en Santiago

O home alega que sofre dunha "progresiva deterioración" do seu estado de saúde " que lle obriga a permanecer sentado ou prostrado en cama"
Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). GSV
photo_camera Hospital Clínico Universitario de Santiago (Chus). GSV

Un home afectado de escoliose leva case 400 días esperando unha operación cirúrxica na columna vertebral, denuncia a Asociación de Pacientes do Complexo hospitalario de Santiago de Compostela.

O 7 de febreiro de 2020 o home, identificado coas iniciais M.M.R., foi incluído nun rexistro de pacientes en espera "estrutural de prioridade 2", pero posteriormente foi "incorporado sen aviso a unha lista non estrutural durante 82 días", indica a citada asociación.

O pasado 3 de marzo, o home presentou unha reclamación no citado centro solicitando unha "aclaración sobre os motivos da demora" e sobre a súa "inclusión nunha lista de espera non estrutural por motivos médicos".

O Sergas, o órgano da Xunta que xestiona os hospitais públicos de Galicia, contestoulle "nunha carta sen firma algunha" que a súa política é "garantir uns tempos máximos de acceso para determinadas prestacións sanitarias", e engade que "intentará realizar a súa intervención cirúrxica dentro dos prazos estipulados" na lexislación"

A asociación advirte de que o paciente alega que sofre dunha "progresiva deterioración" do seu estado de saúde "debido a un proceso de perda de mobilidade das extremidades inferiores" que lle impide levar unha vida normal e obrígalle a permanecer sentado ou prostrado en cama". 

Comentarios