Un descubrimento sobre partículas confirma unha predición feita por físicos galegos hai 25 anos

Este achado pode supor un cambio nos modelos actuais utilizados para explicar a composición e formación dos raios cósmicos
INSTITUTO GALEGO DE FÍSICA DE ALTAS ENERXÍAS
photo_camera INSTITUTO GALEGO DE FÍSICA DE ALTAS ENERXÍAS

Institucións e universidades americanas e europeas detectaron por primeira vez unhas partículas producidas en colisións nucleares cobre-ouro —no acelerador Relativistic Heavy Ion Collider (RHIC) do Brookhaven National Laboratory (EE UU)— con ata máis dun 50% da enerxía dispoñible nos nucleones (protones e neutróns) dos núcleos atómicos acelerados na colisión. Deste xeito, as partículas producidas son de novo aceleradas. 

Este descubrimento experimental confirma a predición teórica feita fai 25 anos no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae), centro mixto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, polos investigadores Néstor Armesto, Elena G. Ferreiro, Carlos Pajares, Mikhail Braun e Yuly Shabelski (estes dous últimos actualmente na Universidade de San Petersburgo). Os resultados enviáronse á revista Physical Review C e están pendentes de publicación. 

Ata agora, as evidencias foran moi débiles e as incertezas demasiado altas como para validar o modelo teórico predito polos investigadores do Igfae. No entanto, con estas novas medicións, as primeiras en colisións de núcleos tan pesados como o ouro e o cobre, confírmase a predición. 

"As implicacións deste achado poden supor un cambio nos modelos actuais utilizados para explicar a composición e formación dos raios cósmicos, xa que estas partículas ultra enerxéticas poderían formarse na atmosfera", explica Elena G. Ferreiro. 

A investigadora tampouco descarta a posibilidade de que poidan descubrirse novas partículas. Cando hai moitas colisións entre os nucleones dos núcleos atómicos prodúcense efectos entre os seus constituíntes —os quarks— que posibilitan a produción de partículas máis enerxéticas que a que teñen os nucleones individuais, explica a USC nun comunicado. 

Por este motivo, este efecto foi denominado 'QCD accelerator' ou acelerador da Cromodinámica Cuántica (QCD, polas súas siglas en inglés), a teoría que explica a interacción forte ou o comportamento entre os quarks e os gluones. 

Comentarios