Desestimada a demanda dunha funcionaria contra a alcaldesa do Porriño por vulnerar a súa intimidade

O xuíz aprecia que Eva García de la Torre estaba no seu dereito de requisar o disco duro a unha traballadora con información municipal

O Xulgado do Social 5 de Vigo desestimou unha demanda contra a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, por suposta vulneración do dereito á intimidade dunha traballadora municipal.

Na súa sentenza, o xuíz non alberga "ningunha dúbida acerca da licitude e proporcionalidade da conduta" da alcaldesa por requirir á demandante o disco duro externo no que realizara unha copia de seguridade do computador co que traballa aquela e entregalo á Garda Civil.

Avala o maxistrado a reacción da alcaldesa de "vixiar, en defensa do interese xeral ou público, o adecuado destino desas copias".

Sostén que a presunta intromisión na confidencialidade ou privacidade dos datos sobre beneficiarios dos programas sociais municipais que contiña o disco duro requisado, invocada pola demandante, "adoece de consistencia".

En descargo da funcionaria, o xuíz sinala que o sistema informático do Concello do Porriño é deficiente, "co consecuente risco de perda de datos", e que a primeira ollada non se aprecia na actitude da demandante "outro ánimo que o de garantir a conservación" dos mesmos.

Comentarios