Desestimados os informes periciais de Rojadirecta por ser extemporáneos

Mediapro e GolT considera que o seu administrador "infrinxiu a lei" e estima como feito controvertido que o empresario "non teña relación coas páxinas enlazadas" no portal

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña desestimou este mércores pola súa extemporaneidade os dous informes periciais, un económico e outro informático, que foron presentados por Igor Seoane, administrador de Rojadirecta, na demanda promovida por Mediapro e GolT, cuxo xuízo quedou sinalado para o 5 de outubro ás 09:30 horas.


A xuíza desestimou, a petición dos avogados de Mediapro e GolT, a presentación das dúas probas que achegou a defensa do administrador de Porto 80 Projects (Rojadirecta), a web que se dedicaba a facilitar enlaces piratas a retransmisións audiovisuais de pago.

Os dous informes, que a demandada anunciou no seu escrito de contestación en novembro, foron entregados ao límite do prazo que permite a lei, cinco días antes da audiencia previa que se celebrou este mércores.

O tribunal entende que os informes deben presentarse "en canto" as partes "dispoñan deles e, en todo caso, cinco días antes da vista", e recriminou á demandada que se demorou tanto no encargo e presentación das periciais.

"Desde xullo sabía que tiña que contestar a demanda e en Coruña. Tiña que encargar o ditame pericial que se puidese presentar coa contestación. Leváronse ao límite os prazos procesuais. Non se xustifica a presentación tan precipitada a cinco días da audiencia previa", explicou a xuíza.

A defensa de Igor Seoane formulou recurso de reposición e protesta, do mesmo xeito que o avogado de Porto 80 Project, e asegurou que a desestimación lle causa indefensión" porque son documentos craves para xustificar "na relación" do seu representado coa empresa demandada.

No entanto, no caso si se terá en conta o informe pericial informático que presentou a defensa de Porto 80 Projects.

Mediapro e GolT considera que "Igor Seoane, coas súas actuacións persoais infrinxiu a lei" e estima como feito controvertido que o empresario "non teña relación coas páxinas enlazadas" en Rojadirecta.

Respecto dos enlaces, Porto 80 Projects defende que proceden de "fontes alleas" ao seu cliente e tamén o exime do control dos recursos enlazados, que son de "terceiros totalmente independentes" a Rojadirecta. "O meu cliente retira os enlaces cando é requirido para iso", explicou o letrado de Porto 80 Projects na audiencia previa.

Rojadirecta e o representante legal de Igor Seoane impugnou "por unha causa de tacha", a intervención de Ricardo Gómez como testemuña perita xa que, no momento en que "subscribe o informe, en marzo de 2015", interviña como avogado nun litixio paralelo contra Porto80 Projects, o que de DTS (Digital Plus), que se celebra actualmente no Mercantil 1 da Coruña.

A xuíza indicou que valorará o "interese" que afecta a Ricardo Gómez na súa calidade de avogado de DTS na outra vista e admitiu que declare en calidade de testemuña perita.

Respecto das outras testemuñas que pretendía achegar Mediapro e GolT no procedemento destacaba o presidente da liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, unha declaración á que se opuxo Porto 80 Projects porque "os que teñen o dereito a permitir a entrada" aos estadios "son os clubs e non a liga".

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña considerou que é innecesaria a toma de declaración de Tebas e tamén a de Javier Gómez Molina, director xeral da liga porque "en nada contribúe á aclaración dos feitos controvertidos" do caso. 

Comentarios