Desfile de membros do clan dos morones no xulgado

Tres dos arrestados quedaron en liberdade con medidas cautelares ► Sinaí Giménez xa declarou e o seu avogado lamenta que se tiveron que decatar dalgunhas informacións pola prensa ► Tensión ás portas do xulgado en Cangas: o presidente da Sociedade Xitana chama "violadores" aos zamoranos

Máis de dez horas de declaración ante o xuíz e moita tensión ante os xulgados de Cangas do Morrazo, onde sete dos once membros do clan dos Morones detidos o pasado martes pasaron a disposición xudicial. 

Por agora, tres dos morones detidos na operación Vida foron postos en liberdade con medidas cautelares, como a obrigación de comparecencias cada certo tempo, segundo informaron fontes coñecedoras desta causa aberta por supostas extorsións a vendedores ambulantes, pertenza a organización criminal, tráfico de drogas e tenencia ilícita de armas.

Sinaí Giménez, o autoproclamado príncipe dos xitanos, xa compareceu no xulgado de instrución número tres, aínda que se prevé que ata chegada a noite non acabe a longa xornada coa toma de declaracións aos sete detidos. Entre os que non compareceron este xoves figura Olegario Giménez Salazar, alias O Morón, patriarca do clan e pai de Sinaí Giménez, que foi ingresado nun hospital ao sufrir unha crise tras ser detido.

Entre os que non compareceron este xoves figura Olegario Giménez Salazar, alias O Morón, patriarca do clan e pai de Sinaí Giménez.


En liberdade quedaron o portavoz da Asociación de Empresarios e Comerciantes Ambulantes de Galicia, Miguel Valverde, o responsable dunha xestoría de Vigo e outro do que se descoñece máis información por agora, destacaron estas mesmas fontes.


Nos rexistros practicados en catro domicilios de Amorín, en Tomiño, en dúas xestorías en Vigo e nun domicilio en Vilagarcía foron intervidas varias armas de fogo, ademais de sete vehículos de alta gama, unha caixa forte –que estaba previsto que se abriese durante esta xornada en sede xudicial aínda que ningún dos detidos facilitou a clave– e diversa documentación relacionada coa suposta extorsión a ambulantes.

O conflito entre os clans xitanos dos morones e os zamoranos viviu varios episodios violentos, con liortas en Cangas e en plena Gran Vía de Vigo. O suceso máis grave produciuse cando un grupo de zamoranos foi tiroteado cando regresaban ao Porriño tras participar no mercadillo de Coia, en Vigo, sen que polo momento as forzas de seguridade dean co autor ou autores do asalto.

O enfrontamento entre estes dous clans propiciou tamén o exilio dun centenar de familias "zamoranas" a Castela por desavinzas sobre a feira de Tui, na fronteira hispano-portuguesa. 

DISPOSITIVO DE SEGURIDADE. Os detidos chegaron na mañá deste xoves ao xulgado de instrución número tres de Cangas do Morrazo entre un forte dispositivo de seguridade, aínda que a xornada transcorreu en calma.

príncipe dos xitanos proferiu berros contra os zamoranos, aos que chamou "violadores".
Esta tranquilidade viuse alterada polas voces de Sinaí Giménez, presidente da Sociedade Xitana de Galicia e autoproclamado como o Obama galego durante o seu intento de asaltar a alcaldía de Vigo. 

O príncipe dos xitanos proferiu berros contra os zamoranos, aos que chamou "violadores". E un dos seus irmáns, Juan Paulo, deu consignas para que ninguén "xamais denuncie á Garda Civil porque vos pasa isto".

O penalista José Luís Gutiérrez Aranguren, que se ocupa da representación legal de Sinaí Giménez e da súa muller, lamentou que, coa reserva que hai sobre as actuacións, teña que decatarse de información polos medios de comunicación e contou á prensa que aconsellou aos seus clientes que non declaren, algo que sempre recomenda cando hai secreto e, polo tanto, non coñece todos os detalles.

Comentarios