Un desprendemento fai descarrilar un tren de Feve en Celeiro con 16 viaxeiros

Ningún dos pasaxeiros sufriu danos

O tren de Feve que circulaba na noite do venres entre Ferrol e Ribadeo descarrilou ao atoparse sobre a vía férrea cun desprendemento de terra e pedras ao paso pola parroquia de Celeiro, pertencente ao municipio de Viveiro. O convoi circulaba con 16 viaxeiros a bordo, que non sufriron danos persoais de ningún tipo. 

A saída de vía do vehículo produciuse cara ás nove e media da noite do venres e segundo Renfe non tivo maiores consecuencias ao resultar ilesos todos os pasaxeiros. A empresa tiña previsto o traslado por estrada dos viaxeiros para levalos ao seu destino unha vez que estes lograsen achegarse a unha vía, dado que o lugar onde se produciu o descarrilamento era de difícil acceso. De feito, o tren circulaba pola ladeira de montes entre Celeiro, no concello de Viveiro, e Xuances, no veciño Xove, onde se apuntou que ocorrera o sinistro por outras fontes.

A empresa esperaba liquidar a incidencia desprazando operarios á zona para liberar o paso e que os trens da mañá deste sábado poidan circular.