Deteñen un home en Vigo por intentar matar o seu exxefe días despois do seu despedimento

Axentes da Policía Nacional de Vigo detiveron nas últimas horas un home de 53 anos e con múltiples antecedentes que supostamente intentou matar o seu exxefe, que o despediu poucos días antes, cunha fouce que lle cravou por detrás e que intentou cravarlle tamén no peito.

A vítima, que presentaba outros cortes na cara, os brazos e os xeonllos, ademais de laceracións no coiro cabeludo, é o dono dun aparcadoiro anexo ao hospital Meixoeiro de Vigo, informaron fontes policiais.

O detido, segundo relatou o dono do negocio, presentouse na oficina e sen mediar palabra colleu unha cadeira coa que o golpeou e derrubouno. Tras golpealo no chan, levantouno e lanzouno contra unha mesa de cristal, que fracturou polo impacto. Logo, sempre segundo o relato da vítima, golpeoulle a cabeza contra un bloque de formigón.

O xefe conseguiu saír da oficina, e durante a persecución, o exempleado colleu unha fouce que había no xardín e cravoulla nas costas mentres escapaba.

Logo intentoulla cravar no peito, pero a vítima impediuno ao protexerse cun brazo e a continuación puido resgardarse na súa vivenda, que está nunha leira anexa ao aparcadoiro.

Unha vez no lugar, a Policía solicitou a presenza de persoal sanitario para que atendese á vítima, á vez que localizou a fouce manchada de sangue e deu co presunto autor da agresión, ao que imputa un delito de homicidio en grao de tentativa.

Comentarios