Detido por un roubo con explosivos nun banco en Tui en febreiro

O Xulgado de Instrución 3 de Tui decretou a súa liberdade provisional con cargos, pendente de xuízo e coa obriga de presentacións periódicas na sede xudicial

 A Garda Civil detivo un home de 26 anos, H.M.F., como un dos supostos responsables dun roubo, o pasado mes de febreiro, na sucursal de Abanca na parroquia tudense de Guillarei tras provocar unha explosión a través da mestura de acetileno con osíxeno.

Seis meses de investigación permitiron ao instituto armado concluír que H.M.F., con antecedentes por feitos similares en 2013, foi o autor deste roubo, xunto cun súbdito portugués sobre o que hai decretada unha orde xudicial de procura e captura, no que se fixeron cun botín de 31.000 euros.

A Garda Civil localizou en Portugal unha vivenda situada nas proximidades de Monçao onde achou varios obxectos utilizados para a comisión desta modalidade delituosa.

Foron intervidos restos dun caixeiro automático dunha entidade bancaria, un inhibidor de frecuencias para inutilizar as alarmas, dúas botellas, unha delas de acetileno e a outra de osíxeno, conectadas cunha mangueira, restos dunha mecha, dous teléfonos móbiles, mazas e barras de ferro e varios pasamontañas e luvas.

O achado desta vivenda, xunto co resto das pescudas realizadas en colaboración coa Policía Nacional de Vigo e a Xudiciaria portuguesa, permitiu a localización e a detención de H.M.F., veciño do Porriño.

O Xulgado de Instrución 3 de Tui  decretou a súa liberdade provisional con cargos, pendente de xuízo e coa obrigación de presentacións periódicas en sede xudicial. 

Comentarios