Tres persoas foron detidas este mércores na Coruña por reter presuntamente a unha nena de 12 anos que foi vendida polos seus pais por 4.000 euros para saldar unha débeda, informan a Efe fontes da investigación.
Os presuntos raptores, que foron detidos na mañá deste mércores na rúa da Torre, en Monte Alto, son de etnia xitana-romanesa e procedentes de Córdoba, polo que as dilixencias, que son secretas, tramítaas un xulgado desa cidade andaluza.
A investigación permanece aberta e os tres detidos permanecen nas instalacións de Lonzas.
A nena foi atendida polos servizos sanitarios e trasladada a un centro social.
Os seus pais vendérona para saldar unha débeda e os homes que a compraron abusaron sexualmente dela para comprobar que era virxe, segundo o rito xitano, antes de que un deles casase con ela, engaden as fontes.
Ambos se trasladaron a vivir á Coruña nun piso da rúa da Torre, do que a nena foi liberada este mércores, cando tamén foron detidos presuntos captadores detidos.
A XUNTA ASUMIRÁ A TUTELA. A Xunta de Galicia asumirá a tutela da menor, segundo se confirmou a Europa Press desde a Consellería de Política Social.
Desde a Consellería de Política Social ratificaron que está sendo atendida polos servicios sociais e sanitarios antes de ser derivada a un centro de menores.
Fixérono despois de que a Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional xa trasladase a información do caso da nena ao departamento de menores da Xunta.
Este, apuntaron, "tomará as medidas necesarias para salvagardar a protección da menor".