Dez persoas investigadas en Vigo por presunta fraude a aseguradoras

Os sucesos tiñan lugar nunha rotonda de Vigo, na que os acusados buscaban provocar accidentes de tráfico para cobrar unha indemnización

A Garda Civil investiga a dez persoas por unha presunta fraude a varias compañías aseguradoras ao supostamente provocar accidentes de tráfico nunha rotonda de Vigo para cobrar indemnizacións polas lesións sufridas, informaron fontes do instituto armado.

A principios do pasado xuño varias aseguradoras denunciaron á Garda Civil ao ter sospeitas dunha serie de accidentes rexistrados na rotonda da avenida de Castelao, en Coia, nos que a pesar de que os danos materiais eran de escasa consideración, sempre resultaban persoas lesionadas.

Segundo constatou a Garda Civil, os accidentes seguían un patrón común: os investigados circulaban polo carril exterior da rotonda e ao decatarse de que o vehículo que ía polo interior sinalizaba o cambio de dirección, aceleraban e provocaban unha colisión controlada da que sempre era responsable a vítima.

Na maior parte dos sinistros evitaban a actuación da Policía Local cun parte amigable e eran evacuados nunha ambulancia a un centro médico para lograr un parte de lesións co que poder reclamar as correspondentes indemnizacións ás compañías aseguradoras.

Comentarios