A DXT inicia unha campaña de vixilancia de consumo de alcol e drogas ao volante

A iniciativa especial durará ata o vindeiro domingo

Control de Tráfico. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Control de Tráfico. CERVERA-MERCADILLO

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) iniciou este luns unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores, que durará ata o vindeiro domingo.

Segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia, ao longo desta semana, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis deste tipo nas vías galegas. 

Tamén se fomentará a colaboración cos concellos das catro provincias para realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno. 

Ademais, incidirase no control de condutores de furgonetas "para asegurar deste xeito que este tipo de vehículos, que se dedican nun número importante ao transporte de paquetería, desenvolven a súa actividade baixo os mesmos parámetros de seguridade e control que o resto de usuarios", indican as mesmas fontes. 

Por parte da Delegación do Goberno en Galicia recórdase que "o alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación". "A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias", advirte.

SEGURIDADE VIARIA. Por iso, a estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 establece entre os seus obxectivos descender do 1% os positivos por alcoholemia nos controis preventivos aleatorios. 

En España, case un 15% de condutores conducen tras consumir algunha sustancia que poida afectar á capacidade para unha condución segura, explican as mesmas fontes, que engaden que o cannabis (THC) e a cocaína son as dúas sustancias achadas con máis frecuencia. 

Comentarios