Dorribo asegura que pagou a Bran na gasolineira como 'peaxe' para entrar no coche de Blanco

O xornal El Mundo asegura na súa edición de hoxe que Jorge Dorribo afirmou ante a xuíza Estela San José que entregou 200.000 euros a Manuel Bran na gasolineira de Guitiriz na que, minutos máis tarde, o recollería o ministro Blanco, curmán do propio Bran. Segundo o empresario, o diñeiro era a condición que lle impuxeron para subir ao vehículo do titular de Fomento. O cabeciña de chamada operación Campión asegura tamén que ten unha testemuña que presenciou a entrega do diñeiro.

Segundo o diario madrileño, Aduanas constatou que a citada cantidade foi transferida desde Andorra para despois ser retirada en metálico polo dono de Nupel, que anotou o gasto na súa contabilidade como IEB (Incentivos Europeos Bran-Blanco).

Pola súa banda, o ministro asegura no xornal que dirixe Pedro J. Ramírez que non fixo ningunha xestión para beneficio de Dorribo e que as explicacións que lle deu o seu curmán (Bran) sobre a súa relación comercial co empresario farmacéutico parécenlle convincentes aínda que asegura non poder ''pór a man no lume por case ninguén".

Comentarios