Dous falecidos nas estradas galegas

Unha muller faleceu esta madrugada despois dun choque frontal entre dous vehículos no concello de Ribeira, no quilómetro 2,30 a estrada CP7304, entre Xara e Olveira.

O suceso tivo lugar ás 23:15 horas cando un dos coches invadiu parcialmente o carril contrario, segundo informa a Garda Civil.

A falecida, M.I.S.P., que tiña 42 anos, conducía un Citroen Saxo e chocou contra un Ford Mondeo. Neste último viaxaban tres persoas que resultaron feridas leves.

Falece outro traballador portugués
As estradas galegas tamén viviron outro accidente mortal, neste caso no concello de Taboada (Lugo). Un traballador portugués de 32 anos de idade, A.J.M.M, perdeu a vida nun accidente de circulación no quilómetro 35 da Nacional 540 neste termo municipal.

Ao parecer, o falecido viaxaba con outros dous compañeiros nunha furgoneta, que se saíu da vía nese punto, por causas que aínda se descoñecen. O falecido era natural de Porto. Outro dos ocupantes do vehículo resultou ferido de gravidade e un terceiro só sufriu feridas de carácter leve.

O pasado sábado outros tres traballadores portugueses perderon a vida e dous resultaron feridos graves ao chocar a súa furgoneta contra un camión, en Castro de Rei, tamén na provincia de Lugo.

Comentarios