Dous feirantes afirman que é habitual contratar a indixentes por comida

Catro persoas sentan no banco acusados de secuestrar presuntamente a seis vítimas, entre as que había tres esmoleiros, na Coruña entre 2011 e 2015

Dous encargados de atraccións de feira declararon este martes, no xuízo contra catro persoas por seis presuntos secuestros entre outros supostos delitos, que é habitual a contratación de indixentes a cambio de comida e unha propina e dixeron que estes acoden de xeito voluntario.

Catro persoas sentáronse este martes de novo no banco acusados de secuestrar presuntamente a seis vítimas, entre as que había tres indixentes, na Coruña entre 2011 e 2015, polo que se piden penas de entre 55 e 91 anos de prisión nun proceso que continúa ata o xoves.

VOLUNTARIOS. Declararon na sección segunda peritos, axentes de policía e forenses, ademais de varias testemuñas propostas pola defensa dos procesados entre os que estaban dous feirantes.

"Van con eles voluntariamente, vanos a buscar aos albergues. Son ovellas descarriadas"

Estes aseguraron que resulta habitual a contratación de indixentes para a montaxe e desmonte das diferentes atraccións, e que estes acoden sempre de xeito voluntario.

Dixeron que "a maioría bebía" e incluso había pelexas entre eles", pero os encargados dos postos das feiras dábanlles "un prato de comida" e "dez ou vinte euros".

"Van con eles voluntariamente, vanos a buscar aos albergues. Son ovellas descarriadas", aseguraron ante o tribunal sobre a situación dos supostamente secuestrados.

Un carpinteiro, tamén proposto pola defensa, que estivo varios días no lugar onde se producían as presuntas retencións dixo que viu a un deles, que "facía o que quería".

"Entraba e saía cando quería. Cheiraba a alcol. Creo que estaba sempre bébedo. Pedíame cigarros", engadiu sobre un caso particular dunha das supostas vítimas, que xa faleceu.

Durante a sesión leuse un relato que esta persoa fixera no seu momento.

Na instrución asegurou que o maltrataban e que o secuestraron tras habelo capturado mentres durmía coma se fose a policía secreta.

Comentarios