A Duendeneta percorrerá o Camiño durante 20 días para levar música aos peregrinos

A discoteca móbil de Carlos Crespo levará a cabo 30 sesións en 17 localidades da ruta xacobea
Presentación de la gira de la Duendeneta por el Camino. LUIS POLO
photo_camera Presentación da xira da Duendeneta polo Camiño. LUÍS POLO
A discoteca móbil da Duendeneta, proxecto impulsado polo xornalista e crítico musical Carlos Crespo, percorrerá durante 20 días o Camiño Francés, Inglés e Portugués para levar música aos peregrinos.

Esta xira de Os Camiños das Músicas Galegas foi presentada este mércores no Pedrouzo, no municipio do Pino (A Coruña), nunha primeira sesión musical coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Así, esta music truck fará un percorrido pola historia da música galega máis recente durante este mes.

30 SESIÓNS. O proxecto enmárcase dentro da programación do Xacobeo, a través da colaboración da Fundación La Caixa, e fará 30 sesións en 20 días ata a súa última xornada o 21 de xuño en Santiago de Compostela.

A Duendeneta atravesará 17 localidades da ruta xacobea. Cada sesión terá lugar ás 18,30 horas, mentres que os sábados e domingos tamén haberá sesión vermú ás 13,00 horas.

Polo Camiño Francés parará en: Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria e Triacastela ata chegar ao Cebreiro o 9 de xuño. Ademais, haberá catro paradas no Camiño Inglés: Sigüeiro, Ordes, Betanzos e Pontedeume. E cinco no Camiño Portugués: Padrón, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela e Tui. Finalizará con dúas sesión en Santiago de Compostela os días 20 e 21.

Estarán conducidas polo dj e crítico musical Carlos Crespo, que fará un percorrido por todos os xéneros da música galega, desde os pioneiros do pop ata a actualidade.

"O obxectivo é que os peregrinos se vaian de Galicia cun retrato en varias cores da que foi e da que é a nosa música. E mostrarllo dun xeito didáctico á vez que lúdico e orixinal", explica o impulsor da iniciativa, Carlos Crespo, quen conta cunha experiencia de máis de 20 anos na difusión da cultura desde diversos medios de comunicación.

MEDIDAS SANITARIAS. A directora de Turismo de Galicia destacou a orixinalidade desta iniciativa, que permitirá que tamén os veciños poidan gozar desta orixinal furgoneta que funciona como discoteca móbil vintage, que se adapta perfectamente ás novas condicións e normativas hixiénico-sanitarias".

Haberá cadeiras para que o público poida seguir cada sesión con distancia de seguridade, ademais de ser obrigatorio o uso de máscara. Farase control de acceso ata completar a capacidade, pero non será preciso realizar reserva previa.

Comentarios