Educación facilitará que persoas alleas ás familias sexan coidadores nos comedores

Román Rodríguez descarta, agás "nalgunha especialidade", contratar docentes sen máster de profesorado e asegura que en caso de facelo terán "formación exprés"
Alumno en un comedor escolar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Alumno nun comedor escolar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou este domingo que traballa nunha reforma do decreto que regula os comedores escolares galegos, co obxectivo de que os coidadores deste servizo "poidan ser persoas non directamente vinculadas coas familias", como ocorría ata agora. 

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, recollida por Europa Press, Rodríguez explicou que esta medida favorecerá "que haxa diferentes quendas" para atender os case 80.000 usuarios que suman os comedores xestionados pola Xunta e, "en menor medida", polos concellos e as Anpas. 

"Máis aló das prazas, detectamos que en moitísimas ocasións hai desdobres do sistema de comedor e novas posibilidades de horarios. Isto fai necesario máis persoal e un incremento de custo", insistiu o conselleiro, para xustificar a introdución de coidadores alleos ás familias dos escolares. 

A isto sumarase un gasto extra en limpeza de "dous ou tres millóns de euros" en caso deste servizo en Educación Secundaria —en Primaria é competencia dos municipios— e "dun millón de euros" para que se poidan cumprir as medidas marcadas nun protocolo que foi elaborado "despois de escoitar á comunidade educativa". 

Así mesmo, con respecto ás actividades extraescolares, o conselleiro dixo que espera que "no prazo dunha semana ou 15 días" estea listo o protocolo específico, despois de que o borrador xa fose trasladado ao comité clínico da Xunta "para que avalíen se as medidas dan garantías" sanitarias. Segundo as súas palabras, levará "cambios organizativos e na forma de facer as cousas, como en todos os ámbitos da sociedade". 

Onde tamén haberá que implementar medidas hixiénico sanitarias será no que respecta ás prácticas da Formación Profesional, para que "tanto as empresas como os alumnos que van facer un profeso formativo teñan unha confianza mutua".

"TRABALLO INTENSO". Case un mes despois desde o inicio do curso, Román Rodríguez valorou o "traballo tremendamente intenso" pola Xunta para "poñer en marcha o sistema", algo que "sempre é complexo" porque implica "directa ou indirectamente" medio millón de persoas e porque este curso se produce nun escenario "inédito" como é unha pandemia. 

De acordo cos últimos datos da Administración, Galicia contabilizaba o venres 421 casos de coronavirus vinculados aos centros, que manteñen 23 aulas clausuradas pola incidencia da pandemia. Ademais, unha escola infantil en Celanova tivo que botar o peche tras detectarse un positivo. 

Respecto diso, o conselleiro valorou que, aínda que lle gustaría "que non houbese ningún caso" de coronavirus na comunidade educativa, a comparativa de Galicia co conxunto do Estado é para "estar orgullosos". Na comunidade galega, as clases en corentenas son, de acordo coas súas cifras, o 0,01% do total.

OS CENTROS, UN "CORTALUMES". Ademais, Rodríguez explicou que "a inmensa maioría" dos centros con contaxios contan "cun caso ou dous, e moitos son irmáns". Diso serviuse para destacar que as instalacións educativas "funcionan como cortalumes, como elementos de control" e como espazos "seguros". 

No caso de que nalgunha zona se impoña algunha corentena de longa duración, como a vivida na primeira onda da pandemia, o conselleiro apostou por estar "preparados e orientados" a poñer en marcha unha docencia telemática que sexa "o máis semellante posible á presencial". "En Galicia, igual que en España, apostamos por unha docencia presencial, pero tamén somos conscientes de que nalgún caso non se pode facer", recalcou, á vez que garantiu "anticipación", porque "pode pasar". 

2.300 PROFESORES CONTRATADOS. Sobre o reforzo de docentes, o conselleiro destacou a contratación de 2.300 persoas, "un incremento do 7,6%" do cadro de persoal que implica tamén "un incremento económico moi notable e moi potente" para a adaptación do sistema ao panorama Covid. 

Nesta conxuntura, Román Rodríguez descartou case ao completo, "salvo algunha especialidade moi concreta e específica" en Formación Profesional, que a consellería vaia botar man de persoas sen o máster de profesorado. "Plantexouno o ministerio e dixemos que non nos gustaba", lembrou, xa que considera que a lista de interinos é "suficiente". O que si baralla a Xunta é "unha formación exprés" para que, "no caso hipotético de que haxa esta posibilidade", as persoas contratadas "teñan ferramentas pedagóxicas". No entanto, o conselleiro reiterou que esta medida "vai ser moi pouco efectiva".

Comentarios