Educación subscribe un acordo cos sindicatos para mellorar as condicións dos traballadores de transporte escolar

Trátase do primeiro paso na reformulación do novo contrato de licitación do servizo tras a anulación do proceso 
Autobús escolar. AEP
photo_camera Autobús escolar. AEP

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade subscribiu este luns con representantes sindicais un acordo co fin de mellorar as condicións laborais dos traballadores que se encargan do servizo do transporte escolar na comunidade. 

O texto, segundo detalla o departamento autonómico, busca introducir melloras e axustes respecto da primeira licitación do novo contrato de transporte escolar, un proceso que quedou paralizado en xaneiro e anulado no mes de marzo debido ás queixas trasladadas por diversos colectivos polos pregos de condicións e de contratación. Neste sentido, Educación destaca que se trata do "primeiro paso" na reformulación do proceso a partir das alegacións recibidas. O conselleiro do ramo, Román Rodríguez, asinou este acordo cos Eladio Antonio Romero Ares, Xesús Mª Pastoriza Santamarina e José Raúl Rodríguez Vila, representantes dos sindicatos UXT, CIG e CC OO, respectivamente. 

O novo contrato incluirá novos deberes contractuais esenciais, entre eles que o contratista velará para que as condicións de traballo non sexan inferiores ao convenio colectivo ou que deberá abonar ao longo de toda a súa execución o salario recollido no mesmo. A empresa adxudicataria terá que empregar unha porcentaxe de traballadores fixos igual ou superior ao 20% do total do persoal ademais de elaborar, negociar e aplicar un plan de igualdade no prazo máximo dun ano desde a firma do contrato. 

Os pregos actualizarán as contías empregadas para o cálculo dos custos de persoal, que atenderán a cada un dos convenios colectivos de transporte de viaxeiros por estrada; establecerán un mínimo de xornada diaria (catro horas para o persoal condutor e dúas horas para o acompañante); e unha valoración da implantación de plans de formación profesional das persoas traballadoras nas ofertas económicas. 

Ademais, aplicarase o 'Acordo Marco' galego do sector para reforzar as garantías dos traballadores subrogados. O adxudicatario poderá solicitar da administración a revisión das condicións no caso de que se produzan incrementos dos custos laborais derivados das condicións de subrogación por sentenza firme. 

ACOMPAÑAMENTO. Outras medidas refírense especificamente ao persoal encargado do servizo de acompañamento, sobre todo no caso de que se aplique unha subcontratación. Deste xeito, indícase de forma explícita que, de ser necesario subcontratar o servizo, as condicións destes acompañantes serán as mesmas que as dos contratados directamente pola empresa. Así mesmo, no caso de que sexa a empresas de traballo temporal, o contratista principal queda obrigado a impor á firma idénticas condicións para os seus traballadores. 

A Administración asume o compromiso de dar traslado á Inspección de Traballo e á Seguridade social de calquera incumprimento a este respecto, e a empresa adxudicataria deberá garantir a idónea preparación e formación deste persoal.

PENALIDADES. Por outra banda, o acordo limita as baixas temerarias, de modo que non se admitirá aquela cuxa xustificación se base, total ou parcialmente, en supor un volume de gastos de persoal inferior ao previsto para os correspondentes lotes ou contratos, ou en hipóteses dese tipo. O texto fixa un incremento de penalidades aos adxudicatarios que incumpran o prego de contratación, sinalando como incumprimentos moi graves os atrasos reiterados no pago dos salarios ou a aplicación de condicións salariais inferiores ás derivadas dos convenios colectivos e condicións de subrogación. 

Tamén se considerarán como graves o incumprimento das condicións laborais de execución, así como dos deberes esenciais que non sexan causa directa de resolución do contrato.

COMISIÓN DE SEGUIMENTO. O acordo tamén inclúe medidas relativas á información sobre todo o proceso e o contrato, como a obrigación para a adxudicataria saínte de facilitar á empresa entrante e a todas as organizacións sindicais da información do persoal que se subrogue. Así mesmo, o adxudicatario deberá presentar á Administración, representantes legais dos traballadores e asociacións sindicais o cadro de persoal que vai adscribir á prestación do servizo e as súas dedicacións, así como comunicar calquera modificación respecto diso. 

O acordo prevé unha Comisión de seguimento "que garanta e velle polo cumprimento de todas as condicións contractuais", e que estará integrada por representantes de cada unha das asociacións sindicais asinantes 

Comentarios