sábado. 04.07.2020 |
El tiempo
sábado. 04.07.2020
El tiempo

O 70% dos alumnos de secundaria en Galicia sufriu algún tipo de acoso

Escolares en el patio de un colegio
Escolares en el patio de un colegio
Os expertos recomendan ás vítimas "pedir axuda e perder o medo", xa que, segundo o estudo elaborado por Cies, máis do 60% non fala por temor

Un 70% de alumnos galegos do ciclo de secundaria obrigatoria sufriron algún tipo de acoso escolar, segundo un informe divulgado este luns pola Universidade de Vigo. O estudo, elaborado polo grupo Cies, foi presentado pola profesora María Álvarez, do Departamento de Didácticas Especiais, durante unha xornada sobre Bullying e Acoso Escolar organizada por alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte, que reuniu durante dous días en Pontevedra a expertos para abordar este tema.

Incluíndo en bullying non só a violencia física, senón os insultos reiterados ou "facer o baleiro", por exemplo, aínda que non o ciberacoso, a porcentaxe de afectados recollido no estudo da Universidade de Vigo é moi similar ao de informes de organizacións internacionais que calculan que 24 millóns de alumnos sofren cada ano acoso escolar na Unión Europea. Álvarez considerou que os profesores "necesitan instrumentos para afrontar estas situacións" que "só saltan á actualidade cando hai unha situación moi grave, xa que o resto enténdese como violencia de baixa intensidade".

O informe ngloba baixo o termo bullying non só a violencia física, senón os insultos reiterados ou "facer o baleiro"



Dous das organizadoras da xornada, Sara González e Patricia Fernández, coincidiron en sinalar que hai diariamente "casos de acoso", aínda que talvez "non de forma esaxerada, pero si con pequenos detalles", polo que é "vital contar con formación" para afrontar esas situacións. Ambas destacaron que a proliferación de comunicacións entre alumnos a través de redes sociais telemáticas están a levar a novas formas nas que as vítimas "chegan a casa e o acoso continúa".

O informe do grupo Cies indica que un dos "problemas de base" do acoso é conseguir recoñecelo, xa que os propios estudantes consideran que o concepto de bullying implica violencia cando "non sempre ocorre". O documento mostra que mentres os homes recorren máis á agresividade física, as mulleres empregan máis a exclusión social e a agresividade verbal.

Os expertos recomendan ás vítimas "pedir axuda e perder o medo", xa que, segundo o estudo, máis do 60% non fala por temor. 

As xornadas abordan desde o acoso a través das novas tecnoloxías ata a intervención psicolóxica e as posibles secuelas, pasando polas estratexias de convivencia levadas a cabo con éxito en centros como o instituto de ensino secundario David Buján, na localidade coruñesa dos Campóns.

O 70% dos alumnos de secundaria en Galicia sufriu algún tipo de acoso
comentarios