O alcalde de Santiago solicitará unha auditoría completa da rede eléctrica

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou hoxe que o Goberno local, xunto coa Consellería de Economía e Industria, solicitarán, "de xeito inmediato", unha auditoría completa de toda a rede eléctrica pública do municipio, tras a morte onte dunha nena de 14 anos ao tocar un farol.

A preguntas dos informadores, o rexedor compostelán sinalou que esta petición se fará de xeito "coordinado", tanto no seu alcance como no seu contido, co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), para acreditar a "seguridade" das instalacións municipais, porque "a máxima preocupación do alcalde é a seguridade dos seus veciños", dixo.

O alcalde recordou que a concesionaria informou onte á corporación de que a instalación eléctrica que produciu "ese fatal accidente" na pasada madrugada, foi revisada no ano 2011, polo que tiña a conformidade ata a seguinte inspección, que sería no ano 2016.

"Iso está confirmado, porque foi así trasladado ao Concello por parte da concesionaria", subliñou.

Ademais, Hernández sinalou que a empresa está a realizar investigacións, en coordinación coa policía e co xulgado que instrúe o caso, para esclarecer os feitos, polo que avogou por manter "a prudencia".

O rexedor local expresou a súa "preocupación" pola seguridade veciñal e a súa "obrigación" de traballar para garantir a fiabilidade da rede eléctrica municipal.

Comentarios