O BNG aprobará as candidaturas para as autonómicas o día 23

A formación frontista será a primeira en ter confeccionadas as súas listas de cara aos comicios de outono
La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón
photo_camera La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón

O BNG continúa avanzando no Proceso Adiante, co que a formación política aposta polo relanzamento do proxecto nacionalista, e tras a celebración de máis dun cento de asembleas por todo o país coa participación de 1.800 militantes e simpatizantes, proclamará as súas candidaturas para as galegas o próximo día 23 de xullo.

Con esta aprobación, a formación frontista será a primeira en ter confeccionadas as súas listas de cara aos comicios autonómicos de outono.

Durante as reunións celebradas por toda Galicia, o BNG actualizou a análise e diagnose da situación do país a todos os niveis, e abordou a actualización da estratexia política e discurso e modelo organizativo e de participación para o futuro.

Tras iso, arrinca agora a terceira fase do proceso, tras a creación dunha comisión de coordinación do proceso que está presidida polo parlamentario, Francisco Jorquera, e pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e aberta á participación de calquera militante ou simpatizante.

Deste xeito, pon en marcha sete mesas sectoriais de traballo, ao redor dos bloques de debate fixados na XV Asemblea Nacional do Bloque, na que se abordan entre outras cousas, a realidade económica da Galicia de hoxe, a situación lingüística e cultural e os cambios experimentados no sentimento de pertenza nacional, ou os cambios no comportamento político e electoral e na percepción social do nacionalismo.

Doutra banda, abordarase a estratexia política a seguir polo o nacionalismo galego, con mesas ao redor dos obxectivos estratéxicos e propostas tácticas ou a construción do discurso.

Os prazos desta terceira fase, explica a organización nun comunicado, están condicionados pola celebración das eleccións galegas no outono, ás que o BNG dedicará todos os seus esforzos organizativos e de mobilización.

Neste sentido, a formación nacionalista ten en marcha o proceso de elaboración de candidaturas que quedarán definitivamente aprobadas polo Consello Nacional antes da celebración do Día da Patria.

Deste xeito, é a militancia nas asembleas comarcais que se celebran por todo o país a encargada de remitir as súas propostas de nomes para integrar as listas do Bloque, nun proceso de elección participativo, asembleario, democrático e colectivo que contrasta co xeito de proceder doutras organizacións políticas.

Sobre a base das persoas elixidas pola militancia, a Executiva Nacional presentará unha primeira proposta de candidaturas que volverá ser remitida ás comarcas para o seu debate e aprobación entre os días 19 e 22 de xullo para, finalmente, proceder a súa aprobación definitiva no Consello Nacional de 23 de xullo.

Con iso, apuntan, o BNG vai estar preparado para calquera continxencia e será a primeira organización política en ter aprobadas as súas candidaturas para as eleccións galegas.

Comentarios