O BNG arremete contra Ence por "impor" o eucalipto e esixe outro modelo de xestión forestal

Pontón considera que á empresa pasteira "moléstalle" que o Bloque denuncie a actual xestión dos montes galegos, convertidos en "nunha polvoreira"
Ana Pontón, a las puertas de la fábrica de Ence en Pontevedra
photo_camera Ana Pontón, a las puertas de la fábrica de Ence en Pontevedra

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reafirmouse este luns nas súas críticas á empresa Ence e ao impacto que o eucalipto ten nos montes galegos. Así, afirmou que á compañía pasteira "o que lle molesta" é o que os nacionalistas denuncien que a política forestal da Xunta "está ao seu servizo".

En declaracións aos xornalistas ás portas da fábrica que Ence ten en Pontevedra, Pontón reiterou que Ence "non só está a contaminar" a ría pontevedresa senón que está "a hipotecar" o futuro de Galicia ao "impor" o monocultivo do eucalipto. "Non podemos mirar para outro lado", sinalou a dirixente do BNG, para quen o monte galego "está convertido nunha polvoreira" debida á "expansión incontrolada" do eucalipto, unha especie que provoca "problemas gravísimos" en Galicia.

Os montes galegos están a converterse, recordou Ana Pontón, nun "gran eucaliptal" que "alimenta" que os incendios forestais sexan "cada vez maiores", polo que criticou a "campaña de manipulación" iniciada por Ence para "vender" que os eucaliptos son un "antídoto" para os incendios. "Esa tese ten a mesma credibilidade que se Bárcenas nos di que as mordidas e os sobres en B son o mellor antídoto para loitar contra a corrupción", ironizou Pontón.

Nesta estratexia, segundo asegurou a líder nacionalista, xogan un papel "esencial" as "portas xiratorias" entre o PP e Ence, en cuxo consello de administración "sentan exministros e exconselleiros de Medio Ambiente". Pontón mostrouse "absolutamente convencida" que nos próximos anos máis dirixentes do PP "acabarán sentados" no consello da pasteira, tras a "malintencionada" prórroga do Goberno para que continúen coa súa actividade en Pontevedra durante 60 anos máis.

O BNG entende que Galicia debe iniciar unha "nova etapa" na política forestal galega que aposte por crear "riqueza e emprego" con "outro modelo" de xestión do monte, que protexa a biodiversidade e combata de forma "eficaz" contra os incendios forestais.

Comentarios