O BNG censura que as axudas ao galego representan o 0,06% dos orzamentos

A portavoz municipal do BNG en Vigo, Iolanda Veloso, e a deputada Carme Adán criticaron hoxe a falta de apoio lingua galega por parte das administracións.

Neste sentido, apuntaron en rolda de prensa que as axudas ao galego nos orzamentos da Xunta supoñen unicamente o 0,06%, "situándose en niveis mínimos", mentres que no 2009 representou o 0,25 %.

Para Veloso, en consecuencia hai que demandar maior apoio por parte das administracións, "precisamente desde a cidade que máis falantes de galego perde nos últimos anos, particularmente entre a mocidade".

A portavoz municipal do BNG expresou a preocupación do seu partido "pola perda dun sinal de identidade", pero tamén pola perda dun elemento fundamental na formación dos mozos, xa que supón un "valor engadido" á hora de atopar emprego.

"Coñecer galego abre portas para postos de traballo relacionados con países da lusofonía; é un idioma que nos achega ás economías emerxentes", explicou Veloso.

Doutra banda, a portavoz municipal do BNG apuntou a estreita relación entre galego e un sector industrial estreitamente vinculado coa cidade, como é o editorial.

"Ningún sector industrial viu reducido tanto as subvencións da Xunta, que en Vigo ten unha repercusión evidente na destrución de postos de traballo", asegurou.

Comentarios