O BNG comeza a gobernar en minoría en Fene

Juventino Trigo xustifica o cesamento dos concelleiros do PSdeG e de Somos Fene tras non apoiar ambos grupos o debate dos orzamentos ► O Bloque ten só catro dos 17 edís que compoñen a corporación

O alcalde de Fene, o nacionalista Juventino Trigo, "cesou" e "retirou as delegacións de competencias" aos concelleiros dos grupos municipais do PSdeG e Somos Fene, cos que a formación nacionalista mantiña unha coalición de goberno neste Concello da comarca de Ferrol.

Trigo asegurou que esta decisión "xa é efectiva" desde este mércores, "tras asinar na tarde deste martes (día 9)" ditos cesamentos, e argumentou que esta medida se tomou "motivada pola perda de confianza desta alcaldía nestas persoas", aos que culpou de "a paralización do orzamento municipal e da acción de goberno, facéndolle así o xogo ao Partido Popular e freando as expectativas de cambios que estaban acordadas no acordo programático" de comezos da lexislatura.

O rexedor fenés tamén trasladou, nunha comparecencia de prensa, que é "consciente da aritmética municipal", en alusión a quedar cun goberno en minoría, con tan só catro dos dezasete concelleiros que compoñen a corporación. A forza maioritaria, o PP, conta con sete edís, por catro de BNG, tres de PSdeG, dous de Somos Fene e un de EU.


O alcalde tamén asegurou non comprender a actitude dos edís, xa que este proxecto de orzamentos "é o máis alto da historia de Fene"


Así, destacou que a alcaldía mantén "abertas as portas aos grupos municipais que asinaron o acordo programático ao comezo desta lexislatura, coa vontade de restablecer as pontes e de confianza mutua", á vez que instou aos que foron ata as últimas horas os seus socios a que "avalíen esta situación con total obxectividade e tomen as medidas precisas para cumprir os acordos" asinados.

Así mesmo, expresou o seu desexo de que "arranxen os seus problemas internos" e "regresen ao goberno de Fene", aínda que precisou que é necesario que todos teñan "a responsabilidade" de saber que forman "un goberno" e non se atopan "no patio do colexio".

ORZAMENTOS. Segundo Juventino Trigo, o BNG de Fene decidiu tomar esta decisión de prescindir dos seus socios ante a disposición destes de non apoiar o seu debate en pleno dos orzamentos para este ano 2016 "a pesar de levar varios meses coa súa elaboración, debatilos e levalos á comisión de Facenda, na que o PSOE votou a favor dos mesmos e Somos Fene abstívose, co argumento da participación veciñal". 

O alcalde tamén asegurou non comprender a actitude dos edís, xa que este proxecto de orzamentos "é o máis alto da historia de Fene, de case 12 millóns de euros, e onde os incrementos en benestar social chegaron a aumentarse nalgunhas das súas partidas ata en case un 20%, así como axudas a estudantes, plan de emprego ou obras acordadas con todas as asociacións de veciños". 

Ante a situación á que se enfronta o Goberno municipal, Trigo tamén asegurou que non vai ser alcalde "a calquera prezo" e non está disposto a someterse "a determinadas presións e demandas" que non sexan as necesidades dos veciños de Fene.

"CONTINUAR CO PROGRAMA". Así as cousas, destacou que o seu obxectivo e o do seu grupo é "continuar co programa de goberno" que acordou o BNG de Fene "ao comezo da lexislatura" con PSOE, Somos Fene e EU. 

Como mostra da súa vontade para retomar a situación anterior, Trigo asegurou que as delegacións retiradas "non van ser repartidas", senón que "quedan todas asumidas polo alcalde", no caso de que "nos próximos días" os concelleiros do PSdeG e Somos Fene queiran "seguir falando deste asunto".

Comentarios