O BNG solicita un modelo de xestión aeroportuaria ''descentralizado''

A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez presentou unha proposición non de lei na Cámara na que demanda ao Ministerio de Fomento "que paralice o proceso de privatización de AENA en marcha".

Pérez propón a Fomento que comece un diálogo coas comunidades autónomas para a implantación dun modelo de xestión aeroportuario "descentralizado, que permita unha xestión eficaz, coordinada e un sistema integrado que fomente a especialización e a complementariedad en territorios como o galego", informou o BNG nun comunicado.

Para a deputada nacionalista, "a intención do Goberno de privatizar AENA non é unha cuestión baladí que se poida abordar con escurantismo, sen información e sen debate previo, porque se trata do principal ente de xestión dos aeroportos".

Ademais, critica "a ansia privatizadora do Goberno na máis pura tradición thatcheriana de pór o Estado en venda", explica no comunicado.

No caso dos tres aeródromos galegos, puntualiza, "o problema reside na falta de coordinación que non permite unha xestión eficaz".

Rosana Pérez comina ao Ministerio de Fomento a non contemplar o problema da xestión dos aeroportos desde a condición de público ou privado, "senón desde a implantación dun modelo que permita a Galicia programar e planificar as súas rutas de acorde ás súas necesidades", indica.

Comentarios