O colexio de Cospeito extrema a hixiene para evitar máis contagios

O Sergas indica que o foco de farinxite que afecta a 67 nenos é unha enfermidade "común e frecuente" e que os menores están a responder "perfectamente" ao tratamento con antibióticos

A dirección do Centro Público Integrado Virxe do Monte, no municipio de Cospeito, deu orde de extremar as medidas de hixiene no centro para evitar que siga propagándose un foco de farinxite que afectou nos últimos días a un total de 67 nenos, atendidos no servizo de Pediatría do centro de saúde da localidade.

A delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, desprazouse este mediodía ata Cospeito para manter unha reunión co equipo directivo do centro e para coñecer de primeira man a situación no colexio.

A dirección do centro informou de que, en principio, os alumnos afectados evolucionan ben e de que incluso algún deles nin sequera chegou a ter febre, ademais de confirmar que o resto dos nenos asistiu este mércores a clase con normalidade.

A Xunta informou de que as consellerías de Sanidade e Educación están a traballar "de forma conxunta", pero tamén recordou que se trata dunha "enfermidade común e frecuente", cuxo contaxio non é de declaración obrigatoria.

Fontes do Sergas indicaron que, ante a proliferación de casos da mesma enfermidade e no mesmo centro educativo, practicáronselles probas aos menores para determinar a causa do contaxio e 65 deles deron positivo por estreptococos.

O cadro que presentaban os nenos afectados é febre alta e dor de garganta, uns síntomas que "responden perfectamente ao tratamento con antibióticos".

Comentarios