O IES Lagoa nega apoiar a grupos radicais e di que Galicia Bilingüe busca ''darse publicidade''

A directora do IES Lagoa de Antela de Xinzo, Pilar Barandela, cualificou a denuncia de onte de Galicia Bilingüe, na que se afirmaba que o centro mantiña vínculos con grupos que respaldan os Grapo e Resistencia Galega, como unha "manobra propagandística" na que o colectivo dirixido por Gloria Lago busca tan só "darse publicidade".

"Non queremos entrar en polémicas nin dar máis eco a este asunto. Somos un centro cunha importante traxectoria que educa na tolerancia", sinalou Barandela a Galiciaé, apuntando a súa decepción polo feito de que os medios recolleran a nova sen ter contrastado a información. "Enterámonos de todo pola prensa e non temos constancia de que o asunto estea en mans dos xulgados. A nova publicouse sen que se fora máis aló da versión de Galicia Bilingüe", asegurou.

Barandela afirma que "o respaldo" que Lago asegura que o centro ofrece á asociación Aguilhoar (que presuntamente apoia a grupos radicais) se limitou á colaboración da asociación cultural "nun recital poético no que se leron poemas dos alumnos e de autores consagrados e que non tivo ningunha referencia ideolóxica". "Supoñemos que é ao recital ao que se refire Galicia Bilingüe, pero tampouco estamos seguros", engade Barandela, apuntando que o centro colabora puntualmente con diversas asociacións culturais e que, en todos os casos, "non se toleran" actividades ou contidos de "tipo político".

O claustro do Lagoa decidirá nos próximos días se emite un comunicado de desmentido insistindo en que non apoian a ningún colectivo radical. Mentres tanto, no centro hai "unha tranquilidade absoluta" e os pais dos alumnos non trasladaron á súa dirección ningún tipo de queixa. "Os pais saben ben como funciona o centro, polo que non houbo polo momento nin alarmas nin protestas", destaca Barandela, que "convida a todo o mundo a achegarse ao centro e comprobar o espírito educativo" do mesmo.

A directora do instituto lamenta o dano que pode facer ao centro esta polémica espertada por Gloria Lago, porque "a nosa boa fama educativa é moi fácil de perder" por culpa de informacións e denuncias deste tipo.

Comentarios