O número de autónomos galegos creceu en 156 durante o mes de xullo

Con respecto a xuño, en Pontevedra houbo 226 autónomos máis, aumentou en nove persoas a cifra en Ourense e nunha na Coruña, mentres que en Lugo descendeu en oitenta

O número de persoas afiliadas á Seguridade Social como traballadores autónomos aumentou durante o pasado mes de xullo en Galicia en 156 con respecto ao mes anterior, o que supón un 0,1% sobre un total de 218.256.

O informe da Asociación de Traballadores Autónomos de Galicia (ATA Galicia) feito público este martes revela que en Pontevedra houbo en xullo 226 autónomos máis, aumentou en nove persoas a cifra en Ourense e nunha na Coruña, mentres que en Lugo descendeu en oitenta.

A nivel global rexistráronse 156 persoas máis, aínda que hai cincuenta mulleres menos que en xuño de xeito simultáneo á subida en número de homes (206).

As actividades artísticas (31), a hostalería (222), as actividades inmobiliarias (dez), a construción (146) e as actividades administrativas (vinte) rexistraron as maiores subidas en termos porcentuais.

Educación, agricultura, información e comunicación e actividades financeiras, en cambio, tiveron as peores cifras do mes, segundo este informe.

O presidente de ATA Galicia, Rafael Granados, destaca que "Galicia pecha o mes de xullo de 2015 con 897 cotizantes máis no RETA que decembro de 2014", aínda que o incremento no último mes foi sensiblemente inferior ao do mesmo período do ano pasado.

"Os autónomos volven crecer en xullo por quinto mes consecutivo, sendo os protagonistas da creación de emprego, esperamos continúe a senda do crecemento durante os próximos meses na nosa comunidade Autónoma e terminemos o ano cun crecemento por encima dos 220.000 cotizantes no Réxime de autónomos", conclúe.

Comentarios