O Pazo do Hórreo é centenario

A sede da Cámara galega cumpre cen anos. Antes foi facultade de Veterinaria e cuartel militar. Alfonso Rueda e Pilar Rojo presidiron os actos conmemorativos
Santalices, Soneira, Rueda, Rojo y Balseiro, en el centenario Pazo do Hórreo
photo_camera Santalices, Soneira, Rueda, Rojo y Balseiro, en el centenario Pazo do Hórreo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este venres, 2 de outubro, que o edificio que alberga a sede do Parlamento na capital galega, do que se conmemora o seu centenario, encerra unha idea arraigada en Galicia, a de "un cambio progresivo, sen descanso, pero respectando o pasado, sen saltos ao baleiro e con ansias colectivas".

Considera, ademais, que este edificio simboliza tamén o froito da unión, do traballo nunha mesma dirección e de non apostar por aventuras que sementen discordia, polo que lle desexou outros "cen anos máis" de actividade.

Rueda presidiu, xunto coa titular da Cámara autonómica, Pilar Rojo, os actos polo centenario do edificio que nos seus inicios foi facultade de Veterinaria e posteriormente sede dun cuartel militar. Foi en 1986 cando a Xunta comprou o edificio e comezou a reforma para destinalo a sede do poder lexislativo galego.

Con motivo do centenario organizáronse unhas xornadas nas que diversos expertos disertaron sobre arquitectura e historia, entre outras áreas, relacionadas coa construción do edificio. Unha dos relatorios estivo a cargo do presidente do Consello da Cultura Galega, o catedrático de Historia Ramón Villares, que glosou a figura de Eugenio Montero Ríos e o seu tempo, xa que foi este político o impulsor da construción do edificio, cuxa primeira pedra se erixiu en 1903 e que entrou en funcionamento en 1915.

Rueda substituíu no acto ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que era quen en principio ía asistir. Desculparon a súa ausencia por motivos de saúde, aínda que non lle impediron participar posteriormente nun acto do PP, no que explicou que pasara pola inxesta de "antihistamínicos, antibióticos e analxésicos".

Pilar Rojo mostrou a súa satisfacción por poder levar a cabo unha xornada como esta como presidenta da institución e tamén como arquitecta, recordou. E indicou que os edificios que albergan as sedes dos poderes Executivo e Lexislativo en Galicia construíronse na mesma época "grazas ao impulso de Montero Ríos". 

Colocáronse dúas placas conmemorativas polo centenario. Unha na entrada principal do edificio que recorda os seus cen primeiros anos. A segunda placa instalouse sobre o cedro atlántico situado no exterior desde o inicio da transformación do edificio para acondicionalo como sede do Parlamento e que recentemente foi incluído no catálogo de árbores singulares de Galicia.

Con motivo do centenario elaborouse unha mostra nos corredores da Cámara sobre os distintos usos do edificio, con recortes de prensa das distintas épocas.

Comentarios