O PP rexeitará que a Deputación investigue os contratos de Baltar

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acusou hoxe ao PSdeG de querer montar un "paripé" por pedir unha comisión de investigación sobre os contratos de José Luís Baltar Pumar na institución provincial e asegurou que o seu partido votará en contra cando se debata a petición, prevista para o día 18.

Un xulgado de Ourense aceptou unha querela da Fiscalía contra Baltar Pumar por un suposto delito de prevaricación continuada na contratación de máis de cen persoas na Deputación.

Fernández dixo en declaracións a Efe que a cuestión xa está xudicializada, polo que acusou ao PSdeG querer montar "un paripé de propaganda, que é o que lle interesa, única e exclusivamente".

"¿Por que ten que haber dúas investigacións paralelas?", preguntouse Fernández, que dixo que o seu grupo pediu dúas comisións de investigación no concello ourensán -polo caso dos paneis e polo servizo do fogar- antes de estar xudicializados estes temas.

En Santiago, antes de participar na manifestación contra o plan de reestruturación de Novagalicia Banco, os portavoces no Parlamento do PSdeG, Abel Losada e de BNG, Francisco Jorquera, coincidiron en criticar a decisión do PP de Ourense de rexeitar esta investigación.

Así, Losada recriminou ao PP a súa "alerxia congénita" ás comisións de investigación e dixo que con esta negativa "pretenden esconder unha realidade: que a Deputación era unha ferramenta política clara ao servizo do PP".

Jorquera, pola súa banda, asegurou que "por moito que -a dirección do PP- pretenda focalizar as responsabilidades sobre Baltar Pumar, durante vinte anos amparou e alentou prácticas clientelares na Deputación".

"O BNG é partidario de que se depuren as responsabilidades políticas porque o PP, en particular Feijóo e a dirección en Ourense son responsables desas prácticas clientelares durante vinte anos", dixo.

Comentarios