O PSdeG acusa a Xunta de ''fraude'' na súa política de dependencia

A deputada do PSdeG-PSOE, Beatriz Sestayo, acusou á Consellería de Traballo de levar a cabo un ''inmenso fraude'' en materia de políticas de dependencia e benestar, alegando que a xestión dos fondos recae nos concellos e no Estado. Ademais, a socialista acusou á Xunta de ''falsear datos'', xa que ''non existe ningún control dos fondos que recibe para destinar a dependentes''.

Desde as filas do PPdeG tacharon de ''intento de engano á cidadanía'' as afirmacións de Sestayo. A portavoz popular de Benestar, Marta Rodríguez Arias, considera que a postura dos socialistas demostra ''a súa frustración por ver que a Xunta de Feijóo está a facer o que eles non foron capaces''.

Sestayo culpou ao departamento autonómico de acudir á burocracia para denegar dereitos aos grandes dependentes da comunidade. Segundo a socialista, Galicia é ''unha das poucas'' autonomías que acoden á caducidade do expediente para este colectivo ''porque lles falta algún trámite ou papel''. Neste sentido, a portavoz de Políticas Sociais acusou ao PP de ''recortar e impedir'' o seu dereito a esixir os seus dereitos ante os tribunais a trvaés da apelación á caducidade.

Estas afirmacións foron rebatidas por Rodríguez Arias, asegurando que a caducidade é un procedemento administrativo, regulado por unha lei estatal, ''que nada ten que ver coa denegación da solicitude''. Aclara que ''a caducidade prevé a finalización dun procedemento cando o interesado non achega a documentación solicitada e que é esencial para poder resolver e a denegación  da solicitude debe vir motivada polo incumprimento dos requisitos''. Así, acusa a Sestayo de ''non saber distinguir os procedementos''.

Coacción nos concellos
Por outra banda, nunha rolda de prensa celebrada en Santiago, Beatriz Sestayo denunciou as presuntas ''coaccións'' que sofren os profesionais dos concellos por parte das delegacións da Xunta. ''Están a chamar aos traballadores sociais das oficinas de dependencia para que non concedan prestacións económicas a dependentes, e que se substitúan por axudas a domicilio'', manifestou a este respecto. Engadiu ademais que, no caso dos grandes dependentes, ''pretenden cambiar a axuda por tres horas como máximo de axuda a domicilio'', sostida con fondos dos concellos.

Marta Rodríguez contesta a estas acusacións recodando que a Xunta aprobou  unha orde pola que os concellos que o demanden ''poderán recibir de xeito anticipado os pagos destinados a financiar a rede municipal'' dos servizos sociais comunitarios. Afirma que con esta medida ''os concellos non terán que esperar ao último trimestre de cada exercicio para recibir o pago dos servizos prestados''.

Por iso sostén Rodríguez Arias que ''a asistencia a domicilio á dependencia está financiada case ao cento por cento pola Administración autonómica'' e que a crítica socialista de que a aplicación da Lei está recaendo nos concellos ''tamén cae polo seu propio peso''.

Por outra banda, a socialista advertiu o ''incumprimento'' doutras prestacións, como os centros de día ou as residencias, pola carencia de infraestruturas. Así as cousas, anunciou que a súa formación tomará medidas para ''impedir o fraude e a coacción'' da Xunta aos grandes dependentes. Os representantes orgánicos e institucionais do PSdeG reuniranse o luns para avaliar a ''gravidade'' da situación nesta materia, así como as medidas que o partido pretende adoptar.

Comentarios