O sector afronta os retos da enerxía eólica mariña en Ferrol

Medio centenar de persoas analizaron hoxe as posibilidades da enerxía eólica mariña nas primeiras xornadas sobre esta temática que puxo en marcha a Asociación de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de España (AINE) no campus ferrolán de Esteiro, adscrito á Universidade da Coruña.

Participaron unhas 50 persoas, entre profesores, técnicos e expertos de empresas enerxéticas e navais como Gamesa, Iberdrola e Navantia, ademais de firmas auxiliares como Dinain e algúns estudantes de enxeñería naval e oceánica do campus ferrolán, onde se imparten as dúas enxeñerías: o superior e a técnica. É, precisamente, o departamento de Enxeñería Naval e Oceánica da Universidade da Coruña (UDC) o que planificou este primeiro foro denominado, I Xornadas sobre enerxías renovables mariñas: eólica mariña e offshore. Perspectivas de futuro da enxeñería naval no campo das renovables mariñas. O foro deu comezo á primeira hora da mañá no salón de actos da facultade de Humanidades do campus ferrolán, e nas que tamén se implicou Aclunaga, o clúster do naval galego, e Asime, a asociación de empresas do metal de Galicia. Tratábase, explican desde AINE, de ofrecer outra perspectiva sobre o futuro da eólica mariña offshore, que quere dicir lonxe da costa, un sector estratéxico que interesa aos estaleiros públicos de Navantia, que compiten por un proxecto para Iberdrola en Wikinger, Alemaña.

Entre os relatores figuraba Raúl Rico, xefe de proxectos de Navantia, cun relatorio que versou sobre Os estaleiros e a eólica mariña: produtos e oportunidades ademais de Vicente Díaz Casas, representante de AINE, Laura Castro Santos, da Universidade Coruñesa, Juan Moya, de Gamesa, Francisco Caamaño, de Iberdrola.

O debate péchase esta tarde cunha mesa redonda aberta sobre os retos tecnolóxicos e a eólica mariña na que están presentes representantes de Gamesa, Iberdrola, Navantia, Aclunaga e a certificadora DNV-GL.

Comentarios