O Sergas nega que os "recortes" deixen sen camas aos pacientes do Álvaro Cunqueiro

A executiva comarcal de CCOO denuncia que "a falta de planificación" xera colapso no centro vigués

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) nega que haxa pacientes no servizo de Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo esperando a que lles asignen unha cama, tal e como denuncia a federación de Sanidade de CCOO, que alertou de que "ata 40 persoas" con orde de ingreso esperaban este venres no novo hospital para subir a planta. 

Fontes do Sergas sinalaron que si se produciron "problemas de axustes" coas camas con motivo da ponte de agosto, xa que os días festivos provocan que "o índice de altas diminúa mentres os ingresos por Urxencias se manteñen constantes". O Sergas pola súa banda, engadiron as fontes, tomou medidas o mércores duplicando habitacións individuais ata habilitar un total de 10 camas ese día; ás que se sumarían outras dez o xoves e o venres, respectivamente, ata facer un total de 30. Neste sentido, ás 15.00 horas do venres, indican, todos os pacientes tiñan unha cama asignada.

DENUNCIA. O Sergas respondeu así, ao sindicato que denunciaba que 
"unha vez máis (...) os recortes en camas e persoal" e "a falta de planificación" provocasen o colapso do servizo de Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro. CCOO criticou "a propaganda" do xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que "contrasta cunha realidade ben distinta". Así mesmo, na súa queixa, alertou de que "o peche de camas, a infrautilización do hospital Meixoeiro e a falta de substitución en especializada e primaria son un cóctel que dana os intereses dos pacientes".

Comentarios