O transporte do 065 chegará aos 100.000 usuarios en cinco anos

(Foto de archivo: Otto. AGN)
photo_camera (Foto de archivo: Otto. AGN)

O servizo de transporte adaptado, coñecido como o '065 social', dará servizo a 100.000 usuarios dentro de cinco anos, unha vez estea completamente despregado. Anunciouno este venres o vicepresidente da Xunta e candidato nacionalista ao Goberno galego o próximo 1-M, Anxo Quintana.

Un investimento de máis de 67 millóns de euros permitirá ampliar a 'flota' de vehículos adaptados ata 122, cando na actualidade hai 44 operativos, o que supón uns 500 postos de traballo a maiores.

'Os investimentos para a xente importan'
Quintana definiu este proxecto como "unha das obras máis bonitas que un gobernante pode facer, ao protexer a quen máis o necesita", tras gozar dun paseo polos municipios coruñeses de Mazaricos e Santa Corda a bordo dun vehículo do 065. "Non só é asfalto e autovías, os investimentos para a xente son importantes".

Na actualidade son 130 os municipios nos que está operativo, con 22.000 usuarios. O concurso para a súa ampliación, fallado a pasada semana, recolle medidas como que un 40% dos postos de nova creación se destinen a persoas con discapacidade.

O servizo, que non formaba parte do catálogo estatal, responde a unha necesidade elemental de Galicia: atender a unha poboación envellecida, con alto grao de dependencia e residente en poboacións dispersas. En concreto, en 35.000 núcleos de poboación, para os que o transporte representa "un servizo estratéxico e básico", segundo explicou Quintana.

Comentarios