O SLG acusa a Leite Río de incumprir os prezos pactados

>O Sindicato Labrego Galego (SLG) acusou este mércores a Lácteos Lence (a empresa propietaria de Leite Río) de pagarlles aos gandeiros menos do prometido polo leite que lles recolleu en xullo, e pídelle á Consellería de Medio Rural  que interceda para pór fin a estas "prácticas abusivas".

Desde a organización que preside Carmen Freire denuncian que nestes meses, nos que os produtores están a cobrar 35 ou 36 céntimos por litro, pouco máis que para cubrir custos, calquera baixada nos prezos "coloca ás explotacións de leite ao bordo da quebra".

Por un contrato con prezos mínimos
Ademais, o SLG utiliza estas prácticas de Lácteos Lence como exemplo para reforzar os seus argumentos en contra dun contrato homologado para o leite que non fixe un prezo mínimo, xa que impide que os gandeiros reclamen e "é un instrumento tremendamente útil para as empresas que utilizan métodos de dubidosa legalidade".

Por iso, pídenlle a Medio Rural que abra "unha verdadeira negociación" para fixar o mínimo valor do leite, que segundo os seus cálculos é de 42 céntimos por litro, xa que por baixo dese prezo os produtores non obteñen beneficios.

Lence di que as cooperativas lle fan 'dumping'
O propietario de Leite Río, Jesús Lence respondeu a estas acusacións atacando á súa vez ás sociedades cooperativas, das que asegura que están a causar un "auténtico caos" no sector.

O empresario asegurou que algunhas destas cooperativas, que exercen como primeiros compradores deste leite en Galicia, están a enviar cada mes "entre 6 e 7 millóns de litros" a firmas situadas noutros lugares de España e en Portugal, cun prezo que é entre 0,06 e 0,09 euros inferior ao que eles mesmos pagan aos gandeiros pola materia prima.

Segundo Lence, algunhas cooperativas que exercen como primeiros compradores poden manter esa estratexia comercial porque tamén son fabricantes de pensos. De feito, asegurou que están a aplicar no prezo dos compostos unha subida proporcional ás perdas que sofren coa venda de leite por baixo do que pagan ás explotacións agropecuarias.

Esta suposta estratexia provoca unha "competencia brutal" nos puntos de venda, porque algunhas empresas foráneas poden colocar o litro de leite "moito máis barato", o que á súa vez está a ocasionar que as firmas galegas comecen a baixar "en cota de mercado e sufran perdas para ofrecer un prezo competitivo".

Prezos para a factura de xullo

Con respecto á denuncia concreta do SLG, Lence afirmou sentirse sorprendido pola “capacidade de adiviñación” do sindicato, porque as empresas do seu grupo non emitirán ningún recibo ata o luns da próxima semana.

En calquera caso, asegurou que Lácteos Lence manterá o “prezo indicativo do leite” aos gandeiros en 0,36 euros, máis as primas por cantidade e calidade, polo que non aplicará ningunha rebaixa directa no pago da materia prima entregada no mes de xullo.

Con todo, tamén confirmou que deixará de pagar as chamadas “primas de cooperativas”, que poden supor un máximo de 0,01 euros en litro, porque “tal e como está o mercado nestes momentos, as industrias non poden facerse cargo dos custos de xestión” destas sociedades, asegurou.

Así, aínda que seguirá pagando as primas ás cooperativas no recibo de xullo, descontaralle o importe correspondente no prezo do leite aos gandeiros que formen parte da mesmas. Ao seu xuízo, son eles os que teñen que sufragar os servizos das sociedades e non Leite Río, que “está a facer auténticos milagres para manter a competencia no mercado”, concluíu.

Comentarios