O socialista Ángel Rivas declara mañá imputado por prevaricación

O edil de Parques e Xardíns, Limpeza e Distritos do Concello de Vigo, Ángel Rivas (PSOE), declarará mañá no xulgado como imputado, xunto a outras tres persoas, nunha causa polos supostos delitos de prevaricación administrativa e negociacións prohibidas a funcionarios.

Os outros imputados son o xefe de área da Concellaría de Urbanismo e dous administradores da construtora Movexvial, quen están citados tamén a declarar mañá no Xulgado de Instrución 1, que instrúe a causa, mentres que as testemuñas o farán o vindeiro mércores.

O obxecto da investigación é a suposta irregularidade no proceso de contratación da subministración de formigón de adxudicatarias de obras municipais á empresa da que Rivas foi xerente.

Tamén están no punto de mira os recoñecementos extraxudiciais de crédito que aprobou o goberno local en varios expedientes de adxudicación de obras, segundo o criterio do fiscal de forma excesiva.

Rivas, naquel momento secretario de organización do PSOE de Vigo, alegou desde o principio que a sociedade da que foi xerente,
Hormigones Valle Miñor, contaba entre os seus clientes con empresas que traballan para o sector público e o privado, e que non formou parte das mesas de contratación.

Logo, cando se confirmou a súa imputación, proclamou a súa "absoluta inocencia", felicitouse por que "por fin" poderá defenderse dunhas acusacións "completamente infundadas", e subliñou que todo o seu traballo realizouno "cun escrupuloso respecto á lei e á decencia".

Unha comparecencia ante a prensa sen preguntas, acompañado polo portavoz do PSOE no Concello de Vigo, Carlos Font, foi toda a explicación que deu desde entón o edil imputado.

Font, en representación do goberno local, expresou a súa "absoluta confianza" no seu compañeiro, do que destacou o seu "recto proceder" en todas as súas tarefas administrativas e políticas.

O alcalde, Abel Caballero, remitiu a aquela comparecencia nas reiteradas ocasións que foi interrogado sobre esta cuestión.

Comentarios