En liberdade con cargos todos os detidos por branqueo de capitais

O titular do xulgado de instrución número 2 de Santiago de Compostela, José Antonio Vázquez Taín, deixou hoxe en liberdade á última das catorce persoas detidas na denominada operación Caballo de Troya contra o branqueo de capitais.

Trátase dunha muller, M.I.M.P., que fora detida en Ponferrada (León) e, do mesmo xeito que o resto de detidos, está imputada por falsidade documental, insolvencia punible e delito fiscal. O xuíz Vázquez Taín fixou a esta muller un prazo de 15 días para pagar unha fianza dun millón de euros.

Esta mañá tamén se presentou voluntariamente no xulgado para prestar declaración L.J.C.M., que declarou en calidade de imputado polos mesmos delitos e quedou en liberdade.

Fontes xudiciais informaron de que se está á espera de que Institucións Penais poña a disposición do xulgado a Ángel de Cabo, que foi detido o pasado 3 de decembro no marco da operación Crucero xunto ao expresidente da CEOE Gerardo Díaz Ferrán, para prestar declaración. De Cabo, o principal acusado nesta operación, que continúa aberta, atópase no cárcere de Soto del Real (Madrid), onde a Policía Nacional comunicoulle o pasado luns a orde de detención e os cargos que pesan contra el nesta operación conxunta coa Axencia Tributaria.

As detencións, un total de 14 á marxe da de De Cabo, producíronse o pasado luns en varias cidades españolas e ao longo da semana o xuíz Vázquez Taín tomou declaración a todos eles, que quedaron imputados por falsidade documental, insolvencia punible e delito fiscal.

Entre os presuntos implicados nesta operación de branqueo de capitais atópase un fillo do expresidente da CEOE José María Cuevas.

A operación Caballo de Troya deriva da operación Crucero, na que foron detidos en decembro o ex presidente da CEOE Gerardo Díaz Ferrán e o propio De Cabo, acusado de comprar Viaxes Marsans ao outro empresario para ocultar os seus bens aos acredores. Díaz Ferrán substituíu en 2007 a Cuevas á fronte da Confederación Española de Organizacións Empresariais.

As detencións levaron a cabo en Madrid, a Comunidade Valenciana, Castela e León e Galicia e os arrestados están acusados de supostos delitos de branqueo de capitais, delitos fiscais e posibles insolvencias punibles, segundo fontes xurídicas e da investigación. Ademais, leváronse a cabo rexistros en domicilios e sociedades de Madrid, Valencia, Ponferrada e Coirós (A Coruña).

Comentarios