En marcha a reforma que permitirá ao Consello de Contas previr a corrupción

O grupo parlamentario do PPdeG rexistrou a proposición de lei, que pretende reforzar a independencia e capacidade de actuación do órgano

O grupo parlamentario do PPdeG rexistrou unha proposición de lei para a reforma da Lei do Consello de Contas, na que lle incorpora competencias para a prevención da corrupción.

O portavoz do grupo, Pedro Puy, explicou en conferencia de prensa que se trata do texto máis relevante presentado nos últimos tempos, que se refire a unha institución recollida no Estatuto de Autonomía, que se rexe por unha norma de 1985 e cuxo bo facer foi recoñecido por todos os grupos, resaltou.

Puy enmarcou esta iniciativa nas propostas do presidente da Xunta de impulso democrático e recordou que en Galicia sempre se defendeu a continuidade deste órgano, tras as propostas de redución da administración recollidas no informe CORA, porque contribúe a mellorar a eficacia e eficiencia do sector público galego.

O dirixente sinalou, así mesmo, que a proposta do seu grupo pretende reforzar a independencia e capacidade de actuación do Consello e que a inclusión da capacidade de actuar fronte á corrupción dá resposta a unha demanda social, fronte a "algo que todos aborrecemos -dixo- e que tanto dano fai ao conxunto das administracións e o bo uso dos recursos públicos".

Resaltou, así mesmo, que as reformas expostas pola proposición recollen as principais suxestións dos expertos que participaron na comisión parlamentaria de prevención da corrupción.

Comentarios