Esixen a través dun manifesto que o Estado recorra a sentenza de Meirás

Representantes do mundo da cultura, o sindicalismo ou o ensino solicitan apoios co obxectivo de impedir "que se perpetúe o espolio e o relato franquista"
undefined
photo_camera O pazo de Meirás. ARQUIVO

Representantes do ámbito da cultura e a loita social esixiron ao Estado que recorra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre o pazo de Meirás "para impedir que se perpetúe o espolio e o relato franquista". Fano a través do manifesto Volver pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático, promovido por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, que son autores do libro Un pazo, un caudillo e un espolio e prestaron declaración no xuízo tras o que se condenou aos Franco á devolución do inmoble. 

Tamén a sentenza da Audiencia da Coruña recoñece o inmoble como parte do patrimonio do Estado, pero rexeita "mala fe" —que no primeiro fallo si se considerou— por parte dos herdeiros e obriga a abonarlles os gastos contraídos desde 1975 por parte da familia do ditador

Segundo informan os promotores do manifesto, máis de 250 persoas vinculadas ao ámbito literario, as artes plásticas, a música, as artes escénicas, o xornalismo, o sindicalismo ou o ensino trasladaron o seu apoio ao manifesto no que se pide ao Estado que recorra a sentenza da Audiencia coruñesa para evitar "que se indemnice á familia Franco polos anos de ocupación de Meirás e, sobre todo, o fin de impedir que se perpetúe o relato franquista".

O documento recibiu o apoio de preto de 40 colectivos galegos

O texto, que conta tamén co apoio de 37 colectivos galegos vinculados co mundo da memoria e a cultura, profunda "no paso atrás que para a defensa da democracia e a memoria suporía o fallo emitido o pasado 12 de febreiro porque tece un discurso acerca da ditadura que axuda a blanquear o réxime". 

Nese sentido, critican que se considere que "nin a familia Franco nin o propio ditador realizaron a ocupación de 'mala fe', o que, na práctica, suporía o seu dereito a que lles repoñan integramente os gastos do mantemento e melloras do pazo, sen ningún tipo de contraprestación nin polos anos de uso nin polos ingresos que obtiveron durante décadas de ocupación". 

Con todo, consideran que o máis grave é que se avala o relato franquista sobre o que foi a ditadura" ou que se diga que "foi un agasallo que se fixo a Franco a título persoal e non como xefe de Estado" 

Ademais, entenden que o tribunal coruñés "menospreza a memoria das vítimas con afirmacións como que 'tampouco resulta relevante se as achegas foron maioritariamente voluntarias ou se obtiveron a punta de bayoneta' e branquea a represión franquista con outras como 'non hai constancia de que el (Franco) solicitase esa actuación, a auspiciase ou a promovese'".

Comentarios