PEDRO PUY | VOCEIRO PARLAMENTARIO DO PPDEG

"España xa recibiu fondos ao entrar no euro, fracasou e acabou na burbulla inmobiliaria"

No sanitario ve a luz ao final do túnel e no económico augura unha recuperación áxil no curto prazo, pero Pedro Puy tamén alerta de riscos no futuro se non se invisten ben os fondos da UE, vitais para completar os cambios que sufría xa a sociedade e que a pandemia acelerou. Agora, o PPdeG achega o seu gran de area con 400 medidas para a reactivación
Pedro Puy Fraga (Granada, 1962). PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Pedro Puy Fraga (Granada, 1962). PEPE FERRÍN (AGN)

Vemos a luz ao final do túnel?
Se todo vai como parece, co virus caendo a medida que aumenta a vacinación, si empezamos a saír. E para logralo ten que recuperarse a sanidade a través das vacinas e facelo a nivel mundial, xa que por agora non hai tratamento.

Pero quedan meses de incerteza.
A incerteza é consubstancial á vida. Aquí acumúlanse moitas cuestións a un tempo, porque a nosa sociedade xa estaba nun momento de crise no sentido clásico do termo, de fondos cambios: dixitalización e novas tecnoloxías que afectan aos procesos de produción, problemas demográficos, quecemento global... Todos eses problemas estaban xa aí e coa pandemia xorde a necesidade de acelerar a resposta a eles.

Parte desas respostas están contidas nas 400 medidas que o PPdeG presentou para a reactivación no Parlamento. Cal é a súa esencia?
A primeira, distinguir a situación inmediata a curto prazo, que é manter a loita sanitaria e completar a vacinación. A segunda, seguir apoiando os sectores que o precisen ata que se recupere a normalidade. E ao mesmo tempo que facemos estes esforzos económicos a través do endebedamento, temos que ir acelerando os cambios e reformas necesarios para resolver a longo prazo todos eses problemas que xa tiñamos. Na medida en que o logremos seremos competitivos, xeraremos emprego e poderemos manter o Estado de benestar.

Víuselle pesimista sobre o consenso coa oposición para deseñar a receita para saír da crise. Por que?
Porque sempre é mellor ter alegrías que decepcións na vida [ri]! Pero o motivo fundamental é que, cando comezou a lexislatura, fixen unha reflexión: para lograr grandes consensos é necesario que todos sexamos capaces de sacar da cabeza prexuízos e crenzas ideolóxicas e pensar nun sentido máis práctico. Pero cando un ve as propostas do BNG é como se a pandemia viñese para reforzar as posturas ideolóxicas que leva décadas defendendo. E iso é un erro porque cando hai contaminación das propias crenzas coa análise da realidade é difícil atopar acordos. Non se pode concluir da pandemia que é preciso que todo sexa público ou que se necesita soberanía porque ocorreu xusto o contrario: a colaboración público privada axilizou a chegada de vacinas e a cooperación internacional vai ser a que nos permita saír antes.

O periodo de sesións foi intensísimo. Con modestia, pero con datos, penso que o Parlamento si estivo á altura estes meses

Iso en canto ao BNG. E co PSdeG ve posible algún acordo?
É certo que a política nacional, onde non hai consensos por culpa duns e doutros, contamina o debate autonómico. E o PSdeG parece máis ancorado na posición de defender o que fai o Goberno de Madrid en lugar de illarse diso.

Pero hai 115 millóns nos Orzamentos da Xunta agardando por acordos para investilos.
O ideal sería certo consenso sobre as prioridades que se poden financiar con eses fondos. Mandariamos, ademais, á sociedade un sinal de que o Parlamento sabe cales son os problemas da xente.

Valeu a pena a comisión de reactivación, haxa ou non acordos?
O debate sempre enriquece: compareceron moitas persoas con experiencia e todas achegaron algo, abriron novas vías de análise, fixeron propostas...

Xa como economista, que horizonte lle ve a esta crise?
O prognóstico común é que esta crise, a diferenza da anterior que foi xerada por un fallo endóxeno, débese a un factor esóxeno: o virus. A defensa contra os contaxios obrigou a paralizar a actividade, o que xerou a crise económica, pero como é distinta tamén o foi a resposta. Agora non hai un problema de recursos grazas a Europa, xa que esas políticas de gasto permitiron activar instrumentos como os Erte, que mantiveron niveis de renda superiores aos que habería de ter mandado toda esa xente ao paro. Tamén permitiu incrementar moito as taxas de aforro, así que a expectativa a curto prazo é a dunha recuperación máis rápida que nas outras crises.

E a longo prazo?
Ese rebote a curto prazo ten que servir para coller carreira para seguir medrando de forma sostida no futuro e aí está a importancia de investir ben nos próximos anos os fondos que chegarán. Esa é a gran cuestión: coller unha inercia de transformación e crecemento.

A política de gasto de Europa mantivo as rendas e aumentou a taxa de aforro, así que desta crise sairemos máis rápido

O maná dos fondos europeos.
Estabamos en tempos de transformación e eses fondos son a panca extra que permite acelerar cambios que sabiamos que había que facer, o que suaviza a transición. Pero só ocorrerá se sabemos enfocar ben o diñeiro cara ao que precisamos. España xa fracasou a outra vez que dispuxo de fondos como consecuencia da entrada no euro. Non soubo canalizar aquela cantidade inxente de recursos, o que nos levou á burbulla inmobiliaria. Temos que ser capaces de aprender dos erros.

E aprenderemos?
Gustaríame ser optimista pero seríao máis se todo isto fose realmente un plan nacional e se nel se tivese en conta non só a opinión do Goberno senón, como ocorreu noutros países, a de expertos cualificados, a do diálogo social, as comunidades... De feito, é chamativo que o presidente Sánchez convocase as comunidades tras presentar o plan e non antes. Pero Europa vai estar vixilante.

Haberá que apertar moito o cinto para que non pasemos dunha crise sanitaria a unha crise de débeda?
Moita xente se pregunta iso pero ese risco non é previsible a curto prazo e a proba está no propio comportamento do BCE, que mantén a compra ilimitada de débeda dos países máis afectados pola crise. Pero a medio e longo prazo, conforme se normalicen as cousas, as contas públicas volverán ser sostibles. E para que iso sexa posible e non haxa un problema de endebedamento a economía debe saír reforzada; e aí novamente volvemos á importancia de aproveitar ben os fondos.

Que lle parecen os proxectos que presenta Galicia a eses fondos?
Galicia fixo tres cousas que encaixan na filosofía que pretende financiar Europa. A primeira, acometer una modernización e dixitalización dos servizos públicos. A segunda, detectar e promover proxectos co aval dun comité de empresarios de éxito e expertos económicos. E a terceira foi acompañar, asesorar, avaliar e defender conxuntamente proxectos que veñen da propia empresa privada.

Remata o periodo de sesións no Parlamento. Que balance fai?
Este periodo de sesións, marcado por unhas eleccións e pola pandemia, foi intensísimo. E todo ese traballo foi posible grazas a que o resultado electoral tamén foi moi claro e facilitou unha maioría estable. Con modestia, pero con datos, penso que o Parlamento estivo á altura neste tempo.

Como valora que Feijóo volva presentarse para liderar o PPdeG?
Paréceme normal e é un hábito que ten o PPdeG: quen preside a Xunta preside o partido. Historicamente deu bos resultados fronte a fórmulas como a bicefalia.

Comentarios