Ethel Vázquez admite que haberá unha "baixada" nos PGE para Galicia

A conselleira de Infraestrutura destaca que o "prioritario" é que se cumpran os prazos da chegada do Ave

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, admitiu este venres que haberá "unha baixada" nos Orzamentos Xerais do Estado para Galicia, pero subliñou que "é prioritario" que se cumpran os prazos" da chegada do Ave á comunidade.

A preguntas dos medios con motivo da súa presenza nun almorzo informativo en Santiago, Vázquez comentou que este venres se aproban os orzamentos do Estado e "hai que esperar a coñecelos con máis detalle". "A día de hoxe non teño coñecemento en detalle destes orzamentos. O que si sabemos é que hai que cumprir esa restrición de 5.000 millóns de euros e evidentemente vai haber unha baixada", destacou, para reiterar que "hai que esperar a coñecelos".

"Para nós e para o Ministerio de Fomento é prioritario que se cumpran os prazos da chegada da Ave a Galicia, no terceiro trimestre de 2019 que cheguen os trens en probas", afirmou a conselleira. "Na miña opinión só quedará garantido e blindado nos orzamentos porque tanto para Ministerio como para a Xunta a Ave é irrenunciable para Galicia", concluíu.

ENLACE AP-9 EN SANTIAGO. Vázquez tamén destacou que o enlace orbital da autoestrada AP-9 representa un "proxecto prioritario", como lle trasladou a Xunta ao Ministerio de Fomento, e espera que teña partida orzamentaria.

"Falamos dunha actuación que, desde logo, desconxestionará o tráfico na AP-9 na zona de Santiago Norte e, ademais, mellorará o servizo cara ao aeroporto, cara ao polígono da Sionlla e porá en valor a A-54, que é a autovía que conectará Santiago con Lugo", destacou. 

Comentarios