Falece o exalcalde de Neda José Ignacio Cabezón

Médico de profesión, gozaba agora da súa xubilación
José Ignacio Cabezón Lorenzo, médico e alcalde do concello de Neda. WIKIPEDIA
photo_camera José Ignacio Cabezón Lorenzo, médico e alcalde do concello de Neda. WIKIPEDIA

A dirección provincial do PP na Coruña trasladou, a través do seu presidente, Diego Calvo, o seu pesar polo falecemento do que fose alcalde de Neda (2007-2015) José Ignacio Cabezón. "Váisenos unha persoa que nunca dubidou en botar unha man dentro do partido", sinala Diego Calvo, que subliña de Cabezón a súa disposición. "Podías estar de acordo ou non coas súas propostas, pero sabías que che convencería delas porque sempre estaban expostas sen maldade e pensando no ben do partido e dos veciños". 

Médico de profesión, Cabezón, nacido en Ferrol en 1954, gozaba agora da súa xubilación logo de exercer por última vez no municipio de Cedeira. 

Da súa traxectoria, o PP destaca a súa "preocupación" polos veciños e o seu "compromiso" coa súa profesión. "Traballou duro polo seu municipio, onde se converteu nun dos grandes impulsores da Festa do Pan de Neda pero foi, sobre todo, un político incansable, unha persoa próxima e un referente para a política municipal de Ferrolterra".