Un peregrino falecido na Ruta dos Faros, en Fisterra

Tamén en Noia un ferido grave tras caer dunha altura de catro metros
112 Galicia. DP
photo_camera 112 Galicia. DP

Uns peregrinos atoparon o corpo sen vida doutro camiñante na ruta cara aos Faros, preto da Praia Arnelas, en Fisterra.

Así o comunicaron mediante unha chamada ao 112 Galicia cando estaba a piques de dar a unha desta tarde.

Deseguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que só puideron confirmar o falecemento da persoa, e aos axentes da Garda Civil e da Policía Local para aclarar as circunstancias do suceso. Así, pouco tempo despois, comprobaron que se trataba dun peregrino que podería levar un tempo morto no lugar.

Outra chamada ao 112 Galicia alertou dun accidente onde un home se precipitou ao chan cando podaba unha árbore nunha leira da súa propiedade, en Noia.

As lesións provocadas pola caída motivaron o desprazamento do helicóptero medicalizado con base en Santiago para facilitar a atención sanitaria.

Segundo a información recibida no 112 Galicia, a persoa atopábase a unha altura duns catro metros retirando as ramas dunha árbore nun domicilio do lugar de A Barquiña. Alí acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a bordo da aeronave para ofrecer os primeiros coidados ao ferido. Ademais, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos axentes da Policía Local e dos membros do servizo municipal de Protección Civil. Tamén foron informados os efectivos do GES de Brión.

Con todo, a persoa estaba liberada e accesible, pero necesitaba asistencia médica urxente. 

Comentarios