Cinco falecidos en residencias de maiores fan que Galicia alcance os 455 mortos

Do total de mortes por coronavirus, 352 foron en hospitais e 103, en residencias
Generated by  IJG JPEG Library

A morte doutras cinco persoas en residencias de maiores elevou a 455 o número de falecidos con Covid-19 en Galicia (352 en hospitais e 103 en residencias), segundo os datos trasladados este luns pola Consellería de Sanidade.

Os últimos falecidos en residencias (notificados este luns, pero correspondentes á xornada do domingo) son 2 usuarios do centro DomusVi de San Lázaro (Santiago), un da nosa Señora da Esperanza (Ourense), outro de DomusVi de Cangas (Pontevedra) e outro da residencia de Moledo (Vigo).

Desde que empezou a pandemia morreron 22 maiores dentro do centro DomusVi de San Lázaro, 19 no DomusVi de Cangas, outros 19 na residencia A nosa Señora da Esperanza, 11 na DomusVi do barrio vigués de Barreiro, e 5 na residencia Moledo (Vigo).

Tamén se produciron 7 no Portazgo (A Coruña), un no Fogar Bellolar, outro na residencia de Castro Caldelas, 3 en Remanso Claudina-Somoza (A Coruña), 3 na DomusVi Matogrande (A Coruña), un na Santa Teresa de Jornet (A Coruña), un na Caser A Zapateira (Culleredo), un en San Carlos de Celanova, dúas na residencia Divino Mestre (Ourense), dous na residencia San Pedro de Crecente, dúas nas Fragas de Pontedeume, un na residencia de Bande, un na de Foz e outro na nosa Señora de Fátima (Barco de Valdeorras).

Sanidade informou de que, do total de falecidos en Galicia, ademais das 103 mortes en residencias, producíronse outras 98 mortes de persoas vinculadas con centros residenciais (que faleceron, ou ben en hospitais, ou ben en residencias integradas).

Por outra banda, rexistráronse, polo momento, 352 falecidos afectados por coronavirus nos hospitais galegos. Así, houbo 105 mortes en hospitais da área sanitaria da Coruña, 70 na área de Vigo, 67 na área sanitaria de Ourense, 52 mortes na área sanitaria de Santiago, 22 na área de Ferrol, 22 na área de Lugo e 14 na área sanitaria de Pontevedra.

Comentarios