Falece o dono dunha casa que se derrubou esta tarde en Cotobade

Un home duns 40 anos e nacionalidade portuguesa, José F., faleceu esta tarde tras derrubarse a súa casa na localidade pontevedresa de Cotobade, en cuxa rehabilitación estaba a traballar xunto a un obreiro, que resultou ferido nunha perna pola caída dos cascotes.

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, confirmou que o falecido non tiña licenza para os traballos que estaba a realizar na súa vivenda unifamiliar, situada na parroquia de San Xurxo de Sacos.

Ás 18.20 horas, varios particulares alertaron ao 112 do esborralle dunha vivenda e informaron de que podían quedar atrapadas dúas persoas baixo os cascotes, que causaron importantes danos a dous coches estacionados xunto á casa, ao bordo da estrada nacional 541, á altura do quilómetro 75.

O centro de atención de urxencias de Galicia mobilizou aos bombeiros do Salnés e de Pontevedra, así como á Garda Civil.

Un dos dous desaparecidos, o obreiro que acompañaba ao dono da vivenda nos traballos de rehabilitación da casa, conseguiu saír polos seus propios medios e foi evacuado de inmediato a un centro hospitalario cunha ferida nunha perna.

Pasadas as 20.30 horas, os bombeiros acharon o corpo sen vida de José F.

Comentarios